Alana publica Vilardevós, adianto do seu segundo álbum

A banda costeira Alana vén de publicar "Vilardevós", un sinxelo que forma parte do seu segundo álbum, que se publicará esta primavera. Este adianto preséntase cun videoclip e conta coa colaboración de PAN SEN FRON.

A banda formada por Antía Vázquez (Oleiros), Eloy Vidal (Vimianzo) e Pablo Castro (Ponteceso), dá continuidade con este tema á súa particular maneira de entender a música tradicional. Porque Alana é un dos proxectos máis singulares da nova escena tradicional galega. Unha formación musical á que dan vida Antía Vázquez, Eloy Vidal e Pablo Castro, e que mestura a música tradicional con ritmos de base electrónica e pop. Unha proposta nova, diversa, cunha potente posta en escena e unha importante vinculación coa tradición e o baile. O marcado estilo persoal da banda levounos a participar nas principais citas musicais galegas, e tamén en programacións noutros lugares da península ibérica e de Europa, formando parte de espazos como o Festival Interceltique de Lorient (Francia) ou o Terra fest de Genève.

Vilardevós parte dunha recollida a unhas veciñas de Terroso, unha parroquia do municipio ourensá e da comarca de Verín. O ambiente festivo e o balbordo que se percibe no propio arquivo orixinal inspirou a creación da peza audiovisual. Unha sorte de rave tradi coa participación das PAN SEN FRON, que mistura alegría e celebración nun xogo entre o pasado e o presente.

O videoclip está firmado por UNDODEZ e realizado por Einibó films baixo a dirección de Adolfo Fernández. Na dirección de arte está Lara Caeiro, e na produción musical ew como vén sendo habitual en Alana. Vilardevós é o primeiro lanzamento neste 2026 do que será UN SABER, o novo traballo discográfico que a banda presentará o próximo 18 de abril na Sala Capitol.

Este proxecto contou para o seu desenvolvemento co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia de industrias culturais AGADIC.

Máis novas