As familias do CEIP Ramón Otero Pedrayo mobilízanse contra a antena da Botica
Anda a veciñanza da Laracha en loita. Se por Soandres a loita contra a planta de Biogás, na capital municipal son as familias da ANPA O Acevo Ceip Otero Pedrayo as que pelexan contra a instalación dunha Antena no núcleo da Botica, nunha parcela ao carón do centro.
A comunidade escolar concentraranse este xoves ás 19:30h na porta dos buses e irán camiñando ata o lugar xusto onde pretenden instalar a Antena de comunicacións, para denunciar os posibles efectos sobre a saúde do alumnado, o persoal e a veciñanza en xeral.
O proxecto, presentado no ano 2023, pretende instalar unha torre de 40 metros de altura. A propia ANPA (que tamén fixo unha importante colleita de sinaturas), varias entidades e mesmo por tres dos catro copropietarios da parcela afectada presentaron alegacións ao proxecto. As obras chegaron a iniciarse sen contar coas autorizacións sectoriais esixidas, o que motivou a súa paralización por parte do Concello. En todo caso, este tipo de instalacións están suxeitas a un réxime de declaración responsable que permite ao promotor executar as obras desde a presentación do proxecto, sempre que cumpra cos requisitos establecidos, explicaron fontes municipais.