As familias do Otero Pedrayo mobilízanse: “Antena si, pero non aquí”

Concentración das familias da ANPA O Acevo

Numerosas familias acodiron onte á chamada ANPA O Acevo do CEIP Otero Pedrayo da Laracha, para protestar pola ubicación dunha estación base de telefonía móbil, no núcleo da Botica, nunha parcela ao carón do centro.

Acompañadas de representantes de todos os grupos da corporación municipal (PP, PSOE e BNG), as familias deixaron claro que non están en contra das antenas, pero si que solicitan un cambio de ubicación polos posibles danos que poida causar para a saúde de alumnado e profesionais.

Apoio municipal

Dende o Concello da Laracha aseguran apoiar a mobilización, amosando o seu rexeitamento ao proxecto de instalación da antena. O Goberno local reitera que continuará traballando dentro das súas competencias para defender o interese xeral, e neste sentido insiste en que esgotará todas as vías legais ao seu alcance para evitar que a instalación se leve a efecto nese emprazamento.

Nesta liña, o Concello ten xa solicitados informes técnicos e xurídicos a organismos especializados en lexislación sobre radiofrecuencia e saúde co obxectivo de dispoñer de todas as garantías e coñecemento necesario á hora de adoptar calquera decisión no marco do expediente.

Máis novas