José, un novo centenario para Laracha

  • O concello da Laracha conta actualmente con 13 persoas con máis dun século de vida, das cales 5 cumpriron os 100 anos neste 2025. José é o terceiro varón máis veterano do municipio.

O señor José Blanco Silva, coñecido como “Duro da Insua”, celebrou este domingo o seu 100 aniversario rodeado do afecto da súa familia na vivenda na que reside en Goxán, na parroquia de Caión.
José é natural do lugar da Insua, no municipio de Mazaricos, e leva seis anos vivindo en Goxán xunto ao seu fillo Manolo e a súa nora Dolores. Ten outro fillo, Antonio, que reside en Palma de Mallorca, e é avó de dous netos.

Ao longo da súa vida dedicouse á labranza e ao coidado da súa familia. Estivo casado máis de 60 anos; a súa muller faleceu pouco antes da pandemia da Covid.
Con motivo deste aniversario tan especial quixeron acompañalo o alcalde, José Manuel López Varela, e os concelleiros Rocío López e Alberto Blanco, que lle fixeron entrega dunha placa conmemorativa en nome da Corporación municipal.