A Laracha aproveita o Obradoiro de Emprego para mellorar o paseo fluvial do Anllóns
O alumnado traballador e o persoal docente da especialidade de traballos de carpintería e moble do Obradoiro de emprego A Laracha VIII continúan desenvolvendo a formación práctica e teórica previstas neste programa dual organizado polo Concello coa colaboración da Xunta de Galicia.
Desde hai varias xornadas, os 10 alumnxs traballadores da especialidade de madeira, están a executar as obras programadas no paseo fluvial do río Anllóns, fase práctica do proceso formativo na que aplican a aprendizaxe adquirida previamente tanto nas aulas durante as clases teóricas como no taller.
Os traballos que se están acometer céntrase na limpeza, reparación e, nos casos nos que é necesario, a substitución das táboas danadas ao longo de todo o percorrido da pasarela de madeira de máis de dous quilómetros e medio entre Gabenlle e O Formigueiro.
Outros proxectos encomendados a esta especialidade traballos de carpintería e moble son o peche perimetral do Castro de Montes Claros e a creación de novo mobiliario para o espazo de lecer xunto ao campo de fútbol de Vista Alegre.
O outro grupo de 10 allumnxs/traballadores, o de operacións básicas de revestimentos lixeiros e técnicos, centrarase na rehabilitación dos centros socioculturais de Cumiáns, en Montemaior, e o de Erboedo.