A Laracha licita a creación dunha fonte transitable como refuxio climático

As splash pools habituais polo centro de Europa e son fundamentais para que as crianzas pasen o verán a salvo da calor sobre todo en zonas de interior. E tal e como estamos comezamos a sufrir os veráns, seguro de aquí a 10 anos se van espallando tamén por Galicia. 

O Concello da Laracha vén de sacar a licitación o proxecto de implantación dun refuxio climático urbano no parque Maximino Canedo, no núcleo urbano da Laracha, mediante a creación dunha fonte transitable modular deseñada para contribuír á mitigación do efecto illa de calor e mellorar as condicións de confort térmico no que é un dos principais espazos verdes da capital municipal.
O proxecto concibe o Parque da Praza Maximino Canedo como un espazo público máis adaptado aos retos derivados do cambio climático, favorecendo a permanencia da veciñanza no exterior durante os episodios de calor e reforzando o seu carácter como lugar de encontro, convivencia e relación social.

O orzamento máximo de licitación da actuación ascende a 111.313,48 euros.

O proxecto contempla a renovación da actual fonte ornamental existente coa instalación dunha nova solución integrada no entorno do parque, baseada nun sistema de fonte transitable a cota cero para posibilitar o seu uso por persoas de todas as idades e condicións, eliminando barreiras arquitectónicas e favorecendo a accesibilidade universal.

Un dos aspectos destacados do proxecto é o seu deseño eficiente e sostible. A fonte funcionará mediante un sistema hidráulico pechado de recirculación continua da auga, incorporando equipos de alta eficiencia enerxética, programación horaria, monitorización remota e control automático do funcionamento co obxectivo de optimizar tanto o consumo de auga como o uso da enerxía.

A instalación contará tamén con sistemas avanzados de control da calidade da auga mediante filtración, tratamento, regulación automática do pH e dosificación de produtos desinfectantes, garantindo unhas condicións adecuadas de seguridade e salubridade conforme á normativa aplicable.