A Laracha rescata a súa memoria en clave migratoria
Moi interesante o proxecto "A Memoria da Laracha" que dará lugar a un novo documental de características semellantes ao presentado o pasado mes de outubro baixo o título Os Oficios Tradicionais. Unha iniciativa en clave de envellecemento activo e de traballar contra a soidade non desexada.
Abriuse esta semana unha nova fase do programa que se centra na temática da emigración, un fenómeno que marcou profundamente a historia social e familiar do municipio. A través de encontros coa veciñanza estanse a recoller testemuños en primeira persoa de persoas que tiveron que emigrar, así como vivencias, lembranzas e experiencias asociadas a ese proceso vital. Ademais, do mesmo xeito que na etapa anterior, tamén se continúan documentando lendas populares e coñecementos vinculados á medicina tradicional.
As gravacións están a ser realizadas polos mesmos profesionais que elaboraron o primeiro documental: o escritor e documentalista arteixán Xabier Maceiras e o realizador audiovisual larachés Raúl Lorenzo, garantindo así a continuidade metodolóxica e narrativa do proxecto.
A Memoria da Laracha enmárcase dentro do programa municipal de prevención da soidade non desexada, promovendo a participación activa das persoas maiores, o encontro interxeracional e a posta en valor da memoria colectiva como ferramenta de cohesión social e benestar emocional. Este novo documental supón, polo tanto, a continuidade natural de Os Oficios Tradicionais, ampliando o foco cara outro dos grandes eixos da identidade local.
O Concello anima a todas aquelas persoas que estiveran emigradas e desexen compartir a súa experiencia a poñerse en contacto co Departamento de Servizos Sociais no Edificio Administrativo da Laracha, chamando ao 981 612 811 ou enviando un correo electrónico a servizos.sociais@alaracha.es. Os testemuños poderán formar parte deste ou de futuros traballos audiovisuais.
O programa A Memoria da Laracha conta coa colaboración e financiamento da Deputación da Coruña.