Nova edición do programa de dinamización do comercio local "Eu merco na Laracha"
O Concello da Laracha impulsa a cuarta edición do programa Eu Merco na Laracha, iniciativa dirixida a dinamizar a economía local e incentivar o consumo de proximidade mediante descontos directos nas compras e servizos realizados nos negocios adheridos. O programa contará novamente cunha partida municipal de 40.000 euros e permitirá repartir entre a veciñanza un total de 1.333 chequeiras con 30 euros en bonos.
O alcalde, José Manuel López Varela, destacou durante a presentación que “as anteriores edicións foron un éxito” e incidiu en que se trata dun programa “específico de apoio ao comercio local e á veciñanza”, subliñando que o obxectivo principal é “impulsar o consumo a nivel local” a través dunha iniciativa financiada “con fondos propios e directos do orzamento municipal”. O rexedor tamén aproveitou para “animar aos comercios e aos veciños a participar porque, a fin de contas, vainos beneficiar a todos”.
As bases, que se publicarán nos próximos días no Boletín Oficial da Provincia (BOP), establecerán que poderán beneficiarse dos bonos todas as persoas maiores de 18 anos empadroadas no municipio. A concelleira de Promoción Económica, Rocío López, explicou que o Concello repartirá novamente “1.333 bonos entre os veciños e veciñas e, por ende, no comercio local, os 40.000 euros”. Cada chequeira estará formada por tres bonos de dez euros cada un, ata un total de 30 euros por persoa. O funcionamento será o mesmo das edicións anteriores: por cada 20 euros de compra poderase descontar un bono de 10 euros.
Pola súa banda, a Axente de Emprego e Desenvolvemento Local, Ana Carmen Jiménez, detallou os principais prazos do programa. Tanto os establecementos como os veciños poderán formalizar a súa inscrición desde a publicación das bases no BOP ata o 22 de maio. Posteriormente, os bonos poderán recollerse e utilizarse entre o 2 e o 30 de xuño. Tamén explicou que en caso de haber máis solicitudes que chequeiras dispoñibles, serán outorgadas mediante un sorteo.
Toda a información relativa ao programa, así como os trámites de inscrición tanto para negocios como para particulares, poderá consultarse na páxina web https://eumerconalaracha.alaracha.gal.