Referentes 8M: Coñecendo a Lucía Graña, referente en emprendemento inclusivo e comunidade rural

Xa temos coñecido a fondo a Noelia Serrano, e este ano dende o Club Salvamento Acuático A Laracha (SAL) e co gallo do Día Internacional da Muller (8M), queren poñer en valor outra figura singular: Lucía Graña Aller, muller traballadora exemplar que comezou a súa carreira como socorrista nas praias da nosa comarca e hoxe é un referente en emprendemento inclusivo e comunidade rural.

Repasamos con Olga Fariña ea familia do Club SAL da Laracha, a vida desta muller transformadora do rural galego.

 

Lucía Graña é Cofundadora de Tempo Social Training (A Laracha, premio Deputación PEL 2024 á Mellor Iniciativa), é Vocal de Axober (Asociación de jóvenes empresarios de Bergantiños), é unha desas persoas que sempre está apoiando de proxectos inclusivos como Empujando Sonrisas (deporte adaptado con impacto local e "premio a la Iniciativa Inclusiva en los Premios DXT al Talento Base")

Os seus valores – responsabilidade/previsión (socorrismo), esforzo/constancia, comunidade interxeracional, referentes reais próximos– resúan cos principios do noso club SAL e inspiran á xuventude da comarca, especialmente aos nosos campións en Salvamento e Socorrismo.

Os seus consellos –disfrutar o proceso, valorar pequenos pasos, escoller referentes próximos– son un mapa para a xuventude da Laracha: deportistas que, coma os campións de Salvamento e Socorrismo do club SAL, saben que o verdadeiro éxito está no camiño compartido.

 

  • Que consello das ás nosas deportistas novas para cultivaren hábitos saudables e constancia no deporte, baseándose en valores sólidos da nosa cultura local?

O consello principal que lles daría é que disfruten do proceso. Sei que soa tópico, pero ves que é o máis importante cando miras cara atrás.

Hoxe vivimos nun mundo no que parece que todo ten que ser rápido, perfecto ou espectacular, e o deporte en realidade vai de constancia, de pequenos pasos e tamén de aprender cando algo non sae como esperabas.

Aquí temos algo moi valioso: a cultura do esforzo, do traballo ben feito e da comunidade. Creo que eses valores son unha base enriquecedora para o deporte e para a vida.

Tamén penso que é importante entender que non todo vai de protagonismo ou de recoñecemento. Un pouco como no traballo dun socorrista: ás veces o máis importante é o que non se ve tanto, pero é o que realmente marca a diferenza. No deporte pasa algo parecido.

Por iso é bonito aprender a valorar non só cando alguén gaña ou consegue un gran resultado, senón tamén esas pequenas superacións persoais que ás veces pasan desapercibidas. Cada persoa ten o seu ritmo, os seus retos e as súas metas.

É importante non compararse e rodearse de boa xente, de compañeiros e compañeiras que sumen, que animen e que compartan o camiño. Tamén é bonito aprender a alegrarse polos demais, porque cando un grupo medra, en realidade medramos todos.

Ao final, cada quen ten os seus propios obxectivos, e iso tamén é o bonito do deporte: sentirse ben, superarse, facer amizades, disfrutar do camiño e crecer como persoas.

 

  • Como Tempo Social Training crea comunidade no rural, unindo todas as xeracións, e que beneficios ves para a xuventude da zona?

En Tempo sempre tivemos claro que queriamos que fose algo máis ca un lugar para facer exercicio. Queremos que sexa un punto de encontro.

No rural ás veces parece que faltan espazos onde coincidir distintas xeracións, e o deporte é unha escusa marabillosa para iso. Aquí adestran persoas novas, xente adulta e tamén persoas que quizais nunca pensaran que ían facer este tipo de actividade. Ao final todos comparten o mesmo espazo, os mesmos retos, o mesmo esforzo… e tamén moitas risas.

Créanse relacións moi bonitas, moito apoio entre a xente, moitas risas… e iso é realmente valioso. Os máis novos poden atopar referentes, e ao mesmo tempo tamén se producen eses momentos nos que alguén maior dá un consello, ou nos que un rapaz ou unha rapaza comparte a súa forma de ver as cousas. É un intercambio fantástico.

Para a xuventude penso que é especialmente importante, porque poden encontrar alternativas, que o deporte pode ser divertido e social, arredor de valores positivos, sen sentirse diferentes, senón parte dun mesmo grupo, integrados, que pertenecen a comunidade.

Nun momento no que ás veces vemos que moitos xóvenes se senten algo perdidos ou illados, crear estes espazos de comunidade, de actividade e de boa enerxía dalles un camiño máis. O deporte tamén serve para iso: para sentirse ben, conectar cos demais e atopar un lugar onde un sente que forma parte.

 

  • Como xestionas o equilibrio entre o teu traballo por conta allea, o teu proxecto, accións solidarias e Axober, sendo exemplo de perseveranza?

A verdade é que non sempre é fácil, e tampouco creo que exista un equilibrio perfecto todo o tempo. Hai épocas nas que todo vai máis fluído e outras nas que toca apretar un pouco máis.

O que me axuda moito é facer as cousas con ilusión e rodearme de boa xente. Ningún proxecto se constrúe só. Eu teño moita sorte: meu irmá, miña familia, equipos e compañeirxs nos que confiar, miñas persoas de primeira línea…  son fundamentales.

Tamén intento ter claro por qué fago as cousas. Cando tes claro o propósito, todo cobra máis sentido. Traballar no que crees e che gusta é un potente motor.

E tamén aprendín algo importante: hai que saber parar, escoitarse e coidarse. Non todo é producir ou facer mil cousas. A enerxía tamén se alimenta de momentos simples, de natureza, de rir cos amigos, de desconectar.

  • Que mensaxe de inspiración envías ás mozas e rapaces deportistas para que escollan referentes reais e positivos, ancorados no bo facer da nosa comunidade?

Creo que os referentes máis valiosos moitas veces están máis cerca do que pensamos. Miramos demasiado ás pantallas e olvidamos que ao noso redor hai xente facendo cousas moi bonitas.

Tamén penso que as persoas influímos no noso entorno máis do que somos conscientes, e ao mesmo tempo ós demáis tamén son inspiración para nós. A min pásame: admiro a moitas persoas, non porque sexan perfectas, senón porque cada unha ten algo especial. Unha pola súa alegría, outra pola súa forza, outra pola súa capacidade de comunicación, pola perseveranza, pola coraxe… hai moitas virtudes admirables nas persoas do día a día.

Por iso creo que os referentes non teñen que ser persoas perfectas nin inalcanzables. Son persoas reais que nos inspiran a sacar o mellor de nós mesmos e de ver outras posibilidades. Persoas que nos recordan a importancia da humildade, de non poñernos límites e de seguir medrando.

Para min, por exemplo, a xente de Empujando Sonrisas, o ADRO de Vilaño, ou vos mesmos no SAL sodes personas que sumades, porque demostrades cada día o poder da xenerosidade, do trabajo en equipo, da inclusión, a alegría compartida... Pero tamén moitas outras persoas anónimas e agrupacións do noso lugar  que fan cousas increíbles.

Temos a sorte de vivir nunha comunidade moi rica en persoas con valores moi bonitos e cunha enorme calidade humana. Se aprendemos a mirar ao noso redor, veremos que temos moitos referentes moi cerca.

E tamén lles diría algo importante: non teñen que ser perfectos. Ninguén o é. O importante é intentar facer as cousas ben, ser boa persoa, axudar aos demais e seguir aprendendo sempre.

E que o deporte (igual que o salvamento) funciona como un salvavidas na vida: axúdache a superar momentos difíciles, a sentirte máis forte por dentro e a disfrutar máis da vida.

Máis novas