mércores. 19.03.2025
El tiempo

Referentes 8M: Noelia Serrano, campiona de Europa de Salvamento mentres sacaba unha oposición

Noelia Serrano Club Salvamento Laracha
Referentes 8M: Noelia Serrano, campiona de Europa de Salvamento mentres sacaba unha oposición

Hai mulleres cun brillo especial que deben estar no foco público para servir de referentes. E non temos que acodir a Madrid ou NY para atopalas e ofrecelas como espello. Co gallo do Día Internacional da Muller, queremos contar a historia de Noelia Loureiro Serrano, unha muller que encarna os valores de dedicación, perseveranza e compromiso coa súa comunidade. Noelia, embaixadora do Club de Salvamento e Socorrismo de A Laracha, destaca tanto no ámbito deportivo como no académico e profesional. Pero sobre todo, destaca no persoal, cunha humildade, unha paxión e unha amabilidade extrema en todas as súas relacións.

Así nolo contande dende o club larachés, que ademais de estar rompendo marcas a nivel estatal nas últimas décadas, queren poñer en valor o inspirador perfil deportivo da súa atleta e a súa contribución a nosa comunidade así como ao empoderamiento femenino nun deporte coma este que salva vidas. “É un exemplo vivo e un referente para as nenas e mozas da comarca que poden comprobar que querer é poder”, destacan dende o club.

Subcampiona de Europa sacando unha oposición

Noelia Serrano Club Salvamento Laracha na piscina

Noelia, subcampioa de Europa e posuidora de múltiples récords nacionais e galegos, é toda unha demostración de compromiso e constancia. Porque ademais, mentres acadaba estes lofros, destacaba nos seus estudos de pedagoxía terapéutica e se involucraba activamente na educación da comunidade. A súa historia de compaxinar deporte, estudos e traballo, superando incluso unha oposición, convértea nun exemplo tanxible de que con esforzo e constancia se pode acadar o éxito.

"O salvamento é un deporte no que hai espazo para todas", afirma Noelia nunha entrevista concedida ao club. "No equipo, cada unha ten o seu lugar, e sempre me sentín apoiada, non só polas compañeiras e compañeiros, senón tamén polos adestradores/as, a directiva, as familias e ata as veciñas e veciños que sempre nos respaldan”.

Máis aló dos seus éxitos deportivos, Noelia é un exemplo de como compaxinar o deporte cos estudos e a vida persoal. A súa organización, disciplina e o apoio da súa familia foron clave para superar os desafíos e acadar as súas metas. "O deporte deume a oportunidade de vivir experiencias emocionantes e aprender moito ao longo do camiño", asegura Noelia. "Axudoume a medrar como persoa, a forxar a miña personalidade e a aplicar estas ensinanzas na miña vida académica e profesional”.

Sobre os seus maiores desafíos, Noelia lembra “o duro 2019, cando, xunto co meu adestrador de aquel momento, Diego López, participei no Campionato de Europa. A preparación coincidiu con 2º de bacharelato, o que fixo que fose un período difícil de compaxinar. Con todo, Diego, que sacrificou moito tempo e esforzo na nosa preparación, ensinoume a importancia de desfrutar do proceso, algo que me fai recordar esa etapa con moito cariño e agradecemento”.

Á hora de compaxinar estudos e deporte, destaca a súa “rutina estruturada” xa dende o Instituto, facendo os deberes ao chegar do centro para poder ir a adestrar a última hora da tarde. Na Universidade, xa con máis autonomía, pero menos rixidez horaria, foi capaz de seguir adestrando gracias á boa comunicación cos seus adestradores. Iso si, “sen un bo descanso, nin os estudos nin o deporte funcionan de xeito óptimo”, sinala agradecendo tamén o apoio da familia.

Consellos

”O mellor consello que lles daría é que se animen, sen dúbida. O deporte vai darlles a oportunidade de vivir experiencias emocionantes e aprender moito ao longo do camiño. Non só nos permite medrar como persoas, senón que tamén axuda a forxar a nosa personalidade, especialmente durante a infancia e a adolescencia. A través do deporte, aprendemos a organizarnos, resolver problemas, xestionar as nosas emocións, loitar e esforzarnos, e tamén a tolerar a frustración.
Ademais, o deporte permite coñecer e conectar con xente de diferentes lugares e culturas, compartir intereses comúns, e incluso descubrir novos países e rexións do mundo. Sen dúbida, son a persoa que son grazas ao deporte que practiquei, e todas estas aprendizaxes tamén as apliquei no ámbito académico, o que me permitiu acadar logros profesionais, como conseguir o traballo dos meus soños aos 23 anos”.

”Para min, é unha verdadeira honra ser embaixadora do Club de Salvamento e Socorrismo de A Laracha", afirma Noelia, invitando á mocidade a unirse a este deporte que salva vidas. "Este club sempre foi o meu fogar e xogou un papel fundamental no meu crecemento persoal e deportivo”.

Comentarios