Dous novos miradoiros de cara ao Anllóns

Jose Muíño e Xosé Regueira inaugurando o Miradoiro dos Fogóns do Anllóns en Sinde

A Deputación vén de rematar dúas actuacións para poñer en valor a contorna do río Anllóns, concretamente en Cabana de Bergantiños e Ponteceso. Ambas obras están enmarcadas no plan enogastronómico provincial “Os fogóns do Anllóns” e o seu obxectivo é potenciar o turismo sostible na comarca.

 

Ambos proxectos, financiados a través dos fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (NextGenerationEU), forman parte do plan enogastronómico que impulsa a institución provincial. O obxectivo principal desta estratexia é conectar a beleza paisaxística do estuario do Anllóns co potencial culinario e cultural da zona.Miradoiro en Sinde

En Cabana de Bergantiños, o proxecto centrouse na creación do novo miradoiro do Anllóns, situado no lugar de Sinde, pertencente á parroquia de Canduas. Esta nova infraestrutura abre unha ventá á riqueza ambiental da canle fluvial, poñendo a disposición da veciñanza e dos viaxeiros un espazo integrado na contorna e pensado para a contemplación da paisaxe

Miradoiro en Ponteceso

De forma paralela, a actuación desenvolvida no veciño municipio de Ponteceso supuxo a recuperación ambiental e a mellora dos accesos peonís nunha das zonas de maior interese do estuario do Anllóns, facilitando que os visitantes poidan percorrer a ribeira de forma segura e respectuosa co ecosistema. A actuación dota a Ponteceso dun recurso interpretativo relacionado directamente co miradoiro de Cabana.

Jose Manuel Mato, Xosé Regueira e Fátima Rod. presentando as obras dos Fogóns do Anllóns

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, visitou hoxe ambas intervencións e afirmou que “estes dous proxectos son unha mostra de como os fondos europeos poden transformarse en actuacións útiles para o territorio, poñendo en valor a paisaxe, o patrimonio natural e a identidade da comarca.

Precisamente, o obxectivo dos Fogóns do Anllóns era crear experiencias turísticas sostibles que contribúan a dinamizar a economía local, reforcen a oferta dos cinco concellos participantes e fagan do río Anllóns un dos grandes referentes do turismo de natureza e gastronómico. Estes espazos non son só lugares para contemplar a paisaxe, senón tamén unha invitación a descubrir o territorio, a súa gastronomía e o seu patrimonio desde unha perspectiva sostible e de calidade."

 

O Miradoiro do Fogóns do Anllóns en Ponteceso leva provocando estas semanas unha pequena mortandade de paxaros

Máis novas