1,5 millóns de euros para o proxecto Fogóns do Anllóns
O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe por unanimidade o convenio coa Axencia de Turismo de Galicia para o desenvolvemento do novo de sustentabilidade turística (PSTD) Os Fogóns do Anllóns. Un proxecto que naceu en xullo de 2021 e que tardou 9 meses en ver aprobada definitivamente o orzamento despois de ser anunciado en decembro do ano pasado.
O ambicioso proxecto Fogóns do Anllóns contará pois cun financiamento de 1,5 millóns de euros, para afondar no turismo gastronómico na comarca de Bergantiños, nomeadamente nos concellos de Carballo, Cabana de Bergantiños, Coristanco, Ponteceso e Laracha polos que pasa o río. Promover un salto de calidade da hostalería da comarca e a creación dun sendeiro de 53 km pola senda do río son os alicerces do proxecto.
4 eixes
A idea é “ofrecer un produto turístico de calidade, baseado na gastronomía local e sostible”, cumplindo accións en catro eixes transversais que os fondos Next Generation esixen para acceder ás súas axudas:
- Transición verde e sostible: a creación dunha rede de miradoiros e doutros espazos novos para usar, por exemplo, como praias fluviais; e tamén limpar e eliminar as especies invasoras nas beiras dos ríos.
- Mellora da eficiencia enerxética: creación servizos de paseo en embarcacións limpas, rutas de cicloturismo e alugueiro de bicicletas, mesmo en restaurantes, e, sobre todo, apostará polo sendeiro do Anllóns, nuclear do proxecto, de 53 quilómetros que transcorren pola Laracha, Carballo, Coristanco, Ponteceso e Cabana.
A transición dixital: explicar —con realidade aumentada e códigos QR— a gastronomía local, ou a deseñar aplicacións nas que consultar todo o relacionado co proxecto.
Competitividade turística: embelecemento de restaurantes, incentivando, por exemplo, que conten con louza e manteis elaborados na zona. Tamén se potenciarán as feiras e se deseñarán rutas gastronómicas que aposten polo produto local, de quilómetro 0.
HISTORIAL DO PROXECTO
- Decembro 22: O proxecto turístico “Os fogóns do Anllóns” xa está en marcha cun 1,5 millóns de euros.
- Maio 22: O Proxecto Anllóns chámase ‘Os fogóns do Anllóns’ e aposta pola gastronomía.
- Febreiro 22: Medio millón para arrincar a primeira fase do Proxecto Anllóns: unha gran senda verde de 53km.
- Outubro 21: Constituído o Consello de Dirección do Proxecto Anllóns pensando nos Fondos Next Generation.
- 24-09-21: Creado un ente intermunicipal para xestionar o "Proxecto Anllóns”.
- Xullo 21: Deputación e 5 Concellos de Bergantiños crean o “Proxecto Anllóns”.