Íntegro leva a súa campaña de prevención de lesións medulares aos institutos da zona

Representantes de Íntegro estiveron esta semana cos alumnos e alumnas do IES Monte Neme de Carballo A asociación Íntegro vén de poñer en marcha a súa campaña de prevención de lesións medulares coa que, dende hai algo máis dun ano, a entidade percorrer os diferentes centros educativos da Costa da Morte. Así, o vicepresidente de Íntegro - Ramón Pombo - e o vogal da entidade - David Pombo - estiveron esta semana de visita no IES Monte Neme de Carballo para dar a coñecer aos alumnos e alumnas de secundaria esta campaña. Trátase dunha iniciativa, co-financiada pola Xunta de Galicia e a Deputación de A Coruña ademais da colaboración das administracións locais e de varias entidades privadas, deseñada co único propósito de concienciar e sensibilizar aos máis novos sobre a necesidade de evitar prácticas de risco que poidan derivar en doenzas irreparables. Pese a que a sesión do mércores foi a primeira deste ano, os alumnos e alumnas do centro carballés fixeron gala dos seus coñecementos, algúns xa adquiridos en edicións anteriores, e amosáronse moi interesados/as e participativos/as seguindo as explicacións dos representantes de Íntegro, que non dubidaron en expoñer os seus casos persoais para ilustrar o día a día sobre unha cadeira de rodas. Durante a charla informativa fíxose especial fincapé na importancia de previr situacións perigosas e imprudentes en praias, piscinas e estradas, como principais causantes do maior número de lesións medulares irreversibles entre a mocidade. Neste senso, incidiuse de maneira especial na importancia de non tirarse á auga de cabeza para evitar accidentes medulares mortais ou de consecuencias irreparables de cara á temporada de verán que está a piques de comezar. Como en todo aprendizaxe, logo da teoría veu a práctica. E esta foi a parte máis entretida e didáctica da xornada. Ademais de experimentar en primeira persoa as dificultades de desprazarse coa mobilidade reducida, os estudantes puideron poñer a proba a súa destreza sobre unha cadeira de rodas e a súa capacidade de empatía coas persoas que a diario deben enfrontarse a todo tipo de barreiras, tanto físicas como mentais. Unha boa maneira de comprobar que a vida é cuestión de capacidades e que a mellor educación é a prevención. Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).