Salvemos Cabana e SGHN presentan alegacións ao proxecto eólico Mouriños

Imaxe da Serra do Gontón

Xa están rexistradas as primeiras alegacións en contra do novo proxecto eólico dos Mouriños, que afecta aos concellos de Cabana e Zas. Ademais das presentadas pola Sociedade galega de Historia Natural (SGHN), a Plataforma Salvemos Cabana vén de aproveitar o tempo de exposición pública para presentar un documento cunha ampla lista de obxección ao plan de Gas Natural Fenosa na Serra do Gontón. Así mesmo, a entidade pon a disposición de todas as persoas interesadas un escrito simplificado (a descargar en ir.gl/alega) para presentar as alegacións no seu concello antes do venres 4 de agosto.

Estudo de afectación á saúde

A Plataforma solicitará ademais á Dirección Xeral de Saúde Pública, “a realizar un estudo independente e detallado de afeccións dos parques eólicos galegos sobre a saúde da poboación, dado o crecente número de estudos científicos internacionais non financiados pola industria que están a alertar de efectos perniciosos en persoas que viven demasiado preto dos aeroxeradores dos proxectos eólicos”. Sinalan que “o ruído e as vibracións procedentes dos aeroxeradores podería estar detrás dun aumento dos problemas de saúde en zonas habitadas situadas nas inmediacións de parques eólicos”.

Poñen exemplos como o da Dra. Nina Piermont, membro titular da Sociedade Americana de Pediatría e recoñecida investigadora neste ámbito, que leva estudando desde fai máis dunha década a sintomatoloxía de persoas que viven preto de parques eólicos en países como Estados Unidos, Reino Unido, Irlanda, Italia e Canadá e rematou por describir unha afección provocada pola interrupción ou estimulación anormal do sistema vestibular do oído interno derivada da exposición ao ruído provocado polas turbinas eólicas que denominou "Síndrome do aeroxerador", que pode provocar alteracións nos ciclos de soño de nenos e adultos, pero tamén provocar outro tipo de síntomas como pulsación interna, taquicardias ou estados de nerviosismo que terminan por afectar seriamente á calidade de vida das persoas sensibles a este efecto.

Así, tendo en conta que a distancia lineal ás vivendas máis próximas é escasamente dun quilómetro nalgúns casos, pide que a Consellería de Sanidade faga un estudo pertinente.

Paisaxe, biodiversidade e sustanbilidade económica

Doutra banda, a Plataforma tamén inclúe nas súas alegacións que, debido ao emprazamento onde pretende instalarse o proxecto eólico Mouriños, a instalación de aeroxeradores de grandes dimensións (151 metros de altura máxima) na Serra do Gontón, “terá efectos negativos e perdurables non só para Cabana, senón para a propia imaxe da Comarca de Bergantiños e a Costa da Morte, dado que a incidencia visual do proxecto afecta de cheo ao corazón do Estuario do Anllóns, prexudicando gravemente a actividade turística sustentable”.

A nivel de biodiversidade, ademais, o proxecto afecta a hábitats de conservación prioritaria da Unión Europea (asociacións de Cirsio filipenduli-erricetum ciliaris, Erica ciliaris e Erica vagans) e tamén de interese comunitario (4030 Brezais secos europeos -directamente impactado polas instalacións proxectadas- e 4020 Brezais húmidos atlánticos), sen ser valorado en ningún caso as afeccións do proxecto sobre as zonas previstas para a ampliación da Rede Natura 2000 en Galicia.

Sinalan ademais que os cambios inducidos na presión atmosférica producidos polo xiro das aspas, tecnicamente denominado "barotrauma”, poderían afectar a aves e morcegos moi preto desta ZEC-ZEPA Costa da Morte e a carón dunha Important Bird Area (IBA).

Novas relacionadas

Outras novas eólicas

 

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).