San Fins prepara xa o Berro Seco
Coincide en sábado este 1 de agosto polo que a romaría de San Fins do Castro, unha das citas máis arraigadas de Cabana de Bergantiños, e declarada Festa de Interese Turístico, albíscase potente.
A xornada comezará con dianas e alboradas e a animación dos gaiteiros O Son do Castro. As misas serán dende as 9:00 horas, coa solemne ás 13:00 cantada pola Coral de Cesullas. Ao mediodía actuará a Banda de Música Eduardo Pondal coa interpretación do Himno a San Fins.
A seguir chegarán os actos máis emblemáticos da romaría, o Berro Seco e o Santo da Pólvora. A orquestra Los Españoles porá música á sesión vermú.
Pola tarde celebraranse as tradicionais merendas campestres, amenizadas polos grupos folk Maruxía, Os Enxebres e Os Farrapos, e pola noite haberá verbena coas orquestras Horizon The Show e Los Españoles.
As festas continuarán o domingo 2 de agosto, coa celebración da Nosa Señora dos Remedios, que incluirá dianas e alboradas coa banda de gaitas Inllar, misas dende as 9:00 horas e misa solemne ás 13:00 horas coa Coral de Cesullas, ademais dunha sesión vermú e unha verbena nocturna a cargo da orquestra Ritmo.
Dende o Concello detallan que, para máis información sobre a colocación de postos e mesas, pódese chamar ao teléfono 696 083 217.