Venres. 29.03.2024
El tiempo

As romarías de San Fins do Castro volveron lanzar o ‘Berro Seco’

San Fins do Castro Berro Seco 2022
O Berro Seco, o momento máis esperado da festa
As romarías de San Fins do Castro volveron lanzar o ‘Berro Seco’

Varias festas paralelas danse no fermoso pero pequeno espazo da alameda de San Fins do Castro. Unha das Festas de Interese Turístico Galego que volvía con forza despois dos anos de pandemia. As merendas das familias de toda a contorna volveron tomar o chan e se divertiron e lanzaron as súas cantigas coas foliadas dos Farrapos e o O Son do Castro. Os inchables tamén tiñan o seu protagonismo na zona superior, e pouco a pouco, a rapazada ía asumindo forza no seu recuncho a base de techno e reggeatón. Non foron aqueles anos das grandes batallas do viño pero si que se viu algunha camiseta manchada e rota na zona de baile.

Foi contra o mediodía cando chegou un dos momentos máis esperados: o tradicional ‘berro seco’ (que representa o berro ao unísono que facían os canteiros para levantar unha pedra grande que ían traballar) enmudeceu durante uns intres a celebración antes de que a troula continuase co ‘Santo da Pólvora’. Un momento tremendamente emotivo para as familias.

A sesión vermú a cargo da orquestra Magos e a interpretación do himno a San Fins ofrecida pola banda de música Eduardo Pondal puxéronlle a nota musical ao mediodía.
Pola tarde, as populares merendas ateigaron de mesas o lugar e a música de ‘Os Farrapos’ serviu para amenizar o serán, mentres que pola noite as orquestras Magos e Bomba protagonizaron a verbena.

San Fins do Castro Berro Seco 2022 2
‘Santo da Pólvora’
Romaria San Fins do Castro
O Plan romeiro
A rave do Sanfins
A rave do Sanfins

Máis festa

A troula continúa hoxe martes 2 de agosto coa conmemoración da Nosa Señora dos Remedios. Haberá misas desde as 09.00 horas ademais de dianas e alborada e a animación musical a cargo de O Son do Castro.
Ás 13.00 haberá unha misa solemne cantada pola coral de Cesullas e a continuación sesión vermú coa orquestra Puzzle, que repetirá actuación pola noite.

Comentarios