A mostra do Encaixe de Camariñas abre hoxe as súas portas cunha variedade de actividades paralelas

Dende hoxe e ata o domingo, a XXVII mostra do Encaixe de Camariñas abre as súas portas. Ainda que a inauguración está prevista para as 17 horas - que estará presidida pola directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, e o presidente da Deputación, Valentín González - xa haberá actos pola mañá cun pase de modelos para profesionais que terá lugar ás 12:30 horas. Ás 18:30 horas arrancará o desfile Pequeencaixe, cos alumnos e alumnas da escola municipal de Palillo e, a continuación, o de Firmas, coa participación de Amaya F. Blanco (Vigo), Ana Cabranes (Xixón), Claudina Mata (Granada), Devota & Lomba (Madrid), Esteban Freiría (Málaga), Javier Barrio (Pontevedra), José Matteos (A Coruña), Norijo Hashizume (Xapón), Sara Lage (Lugo) e Mar Balmón (Madrid), que nesta ocasión é a única firma de complementos. Tamén participará a deseñadora local María Campaña. Durante o desfile haberá música en directo da man de Rosa Cedrón e Miguel Arthús. Actividades paralelas O xoves volverán a repetirse os desfiles de recoñecidos creadores e comezan os das novas promesas que participan no concurso de Deseñadores Noveles coas súas propostas sobre o encaixe de Camariñas. Nesta xornada haberá un debate sobre a situación do encaixe no mundo, un encontro de blogguers de moda, un encontro de encaixeiras chegadas dende todo o territorio nacional, recreación de antigas palilladas, demostracións de artesanía, talleres para nenos, degustacións gastronómicas e actuacións folclóricas, ademais doutras actividades paralelas. Os actos continuarán ata o domingo con actividades de todo tipo. O venres a música correrá a cargo do gaiteiro Cristian Silva e o acordeonista Suso Iglesias; o sábado actuará o gaiteiro Óscar Ibáñez coa colaboración de Marta Quintana e o domingo clausurará o certame Andrea Pousa que xa participou o ano pasado co musical Keltia. Nesta 27 edición da mostra do encaixe de Camariñas participarán 17 delegacións extranxeiras, co países de todo o mundo como a India, Arxentina, Xapón ou Rusia, entre outros, que ofrecerán demostracións das súas técnicas particulares. Ainda que o encaixe é o principal protagonista do certame, poderanse ver outras artesanías como vidro, xoiería ou liño.  

Novas relacionadas

Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
  • Concello de Camariñas