A pasarela da Deputación enmárcase como o evento central da Mostra do Encaixe de Camariñas

Medio cento de palilleiras, ademais dos representantes institucionais, asistiron onte á presentación da Mostra na Deputación da Coruña Onte presentouse na Deputación da Coruña o programa da XXVII Mostra de Encaixe de Camariñas nun acto no que estiveron o presidente provincial, Valentín González Formoso; o alcalde camariñán, Manuel Valeriano Alonso de León, e a concelleira Delegada de Encaixe, Sandra Ínsua. A presentación tamén contou coa presenza de medio cento de palilleiras de Camariñas - coas súas respectivas almofadas - que efectuaron unha demostración en vivo da súa arte, acompañadas pola cantante Rosa Cedrón, encargada de interpretar a popular cantiga de Camariñas. O evento central da Mostra de Encaixe - que se celebrará entre os días 12 e 16 de abril - será a pasarela Deputación da Coruña, na que se mostrarán creacións elaboradas con encaixe de Camariñas por 32 deseñadores noveis e 10 firmas internacionais, entre as que se atopan a xaponesa Noriko Hashizume e a madrileña Devota&Lomba. O concello decidiu poñer o nome da institución provincial ao desfile en agradecemento ao “apoio fundamental, tanto económico como material a través da imprenta provincial, para garantir a continuidade da Mostra”, segundo explicaron o rexedor e a concelleira. González Formoso tamén recibirá o “Pin de Ouro” durante a Mostra, un recoñecemento que lle fai o concello ao consideralo un dos principais valedores da Mostra do Encaixe. Valentín González Formoso enmarcou o apoio na “longa traxectoria de colaboración” entre o concello de Camariñas e a institución provincial para potenciar a Mostra dende a súa primeira edición. Este ano, a achega da Deputación para a celebración da Mostra ascende a 120.000 euros.
A Deputación da Coruña achega 120.000 € para a celebración da Mostra do Encaixe de Camariñas O presidente provincial agradeceu á representación de palilleiras o seu compromiso coa Mostra e coa transmisión “dun oficio centenario” ás novas xeracións, e destacou que “coas súas mans expertas” manteñen vivo un arte que definiu coma “unha das bandeiras da provincia”. Neste sentido, González Formoso afirmou que “para a Deputación da Coruña é un orgullo presentar un ano máis esta feira estratéxica”, que conta cunha gran acollida con máis de 20.000 visitantes en cada edición. Así mesmo, Manuel Valeriano Alonso destacou o “impacto económico” da Mostra, que impulsa a pervivencia “dunha actividade tradicional, que en tempos difíciles contribuíu a sacar adiante ás familias e constituíu o modo de vida de moitos fogares”. Pola súa banda, o alcalde afirmou que a feira supón tamén “facer país” e contribuír á “Marca España dende Camariñas”, posto que esta edición contará coa asistencia de delegacións de 17 países, entre os que se atopan Xapón, Arxentina, A India, Rusia, Bulgaria, Estonia, Francia, Italia, Inglaterra, Polonia, Portugal, República Checa ou Suíza. Máis actividades A feira seguirá o formato dos últimos anos, con dous pavillóns, un onde se realizará un encontro internacional que reunirá a máis de 150 palilleiras cada día, e outro que albergará os desfiles. O programa da XXVII edición inclúe unha actuación cada día, que acompañará aos desfiles da pasarela Deputación da Coruña. O mércores, actuarán Rosa Cedrón e Miguel Arthús e haberá diferentes obradoiros tanto para nenos coma para adultos, ademais de degustacións de produtos típicos da zona e tamén de Xapón, un dos países que participa por primeira vez este ano na Mostra. O xoves realizará unha performance Pablo Méndez, o venres Cristián Silva e Suso Iglesias, o sábado Óscar Ibáñez e o domingo Andrea Pousa. Ademais, a feira estará amenizada polas actuacións diarias do grupo municipal de gaitas.

Novas relacionadas

Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
  • Deputación de A Coruña
  • Concello de Camariñas