Ana Pontón na Costa da Morte: "O BNG irá a por todas nas eleccións municipais"

Moncho Noceda, Ana Pasantes, Serxio Domínguez, Xurxo Rod. Baña, Ana Pontón, Kuka Sar, Xabier Domínguez "Drok", Carlos Fdez. Concheiro e Lolo Muíño

Moncho Noceda (Carnota), Xurxo Rodríguez Baña (Camariñas), Carlos Fernández Concheiro (Muxía), Serxio Domínguez (Cee), Xan Carlos Sar, Kuka (Fisterra), Lolo Muíño (Zas) e Xaime Trillo (Dumbría) foron os protagonistas na nova visita onte de Ana Pontón a Camariñas. Pendentes de Corcubión e Vimianzo (aínda non se celebraron as asembleas pertinentes, pero en primeira fila sentáronse Xabier Domínguez “Drok” de Corcubión e Marta Rey de Vimianzo), a voceira nacional do BNG achegábase á bisbarra para celebrar a presentación oficial dos candidatos do BNG ás alcaldías do sur da comarca ás eleccións municipais do vindeiro 28 de maio de 2023.

Apenas unha semana despois da visita a Camelle co gallo do 20 aniversario do afundimento do Prestige, Pontón quixo presentar o proxecto municipal do BNG para a Costa da Morte “centrado na economía, servizos públicos e mobilidade”. “Temos alternativas para darlle futuro a esta comarca”, destacou.

Fixo fincapé en asuntos como a sanidade (“non se pode recortar en pediatría nos centros de saúde e despois pedirlle a xente moza que forme o seu proxecto de vida no rural”), ou infraestruturas e transporte (esixindo o remate a autovía da Costa da Morte, a eliminación das peaxes da AG-55, ou a creación dun plan de transporte e tecnoloxías do S. XXI).

No eido económico situou como prioridades “lograr que os parques empresarias que hoxe están case baleiros ou a medio gas, consigan novas empresas; apoiar o tecido económico e produtivo da zona”. Igualmente, o proxecto municipal do BNG para aposta polo comercio local, por apoiar aos sectores produtivos tradicionais da zona como o agrogandeiro e a pesca, así como polo puxante sector turístico, aproveitando a riqueza natural, paixasítica e o patrimonio artístico e cultural da Costa da Morte, apostando pola calidade.

Finalmente instou aos candidat@s a “ir a por todas” nas municipais: “nos nós poñamos límites e vaiamos a por todas para darlle á Costa da Morte gobernos do BNG capaces de mellorar a vida da xente”, concluíu.

 

Máis novas sobre as eleccións

Máis novas do BNG