Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Bruxelas berra o Nunca Máis

Familia do BNG e Nunca Mais no Parlamento
Familia #NuncaMais no Parlamento
Bruxelas berra o Nunca Máis

A bugina de Xurxo Souto soou, e moito, este mércores 16 de novembro por todo Bruxelas. E mesmo conseguíu poñer ao Parlamento Europeo a berrar o #NuncaMáis.

Unha completísima expedición galega, con nomeado protagonismo da Costa da Morte, acodía á xornada organizada pola eurodeputada do BNG Ana Miranda, “20 anos do accidente do Prestige: análise da seguridade marítima en Europa”, despois de trasladar á Comisión Europea as súas demandas en materia de pesca artesanal e marisqueo.

Ademais de numerosos eurodeputados, e membros doutros grupos políticos, o Parlamento recibía moitos membros do BNG, e do mar, da Costa da Morte (Kuka Sar e Víctor Buiturón de Fisterra; Moncho Noceda e Belén da Crega dende Carnota; Merche Díaz Mayán e Nando Siaba dende o Pindo; Xose Manuel Pose Lema dende Laxe; Óscar Insua dende Corcubión; Serxio Domínguez dende Cee; Xurxo Rod., Fernando Patricio Cortizo e Xosé Xoán Bermúdez dende Camariñas e Camelle; Santiago Pérez Haz, Ana Pasantes e Luisa Gerpe dende Muxía; Carolina Castiñeiras dende Laracha), así como unha serie de xornalistas de todo o país (ademais de QPC estiveron presentes OndaCero, La Voz, El Diario de Arousa, El Diario de Pontevedra, Nós, Público, Atlántico).

A eurodeputada do BNG/Grupo Verdes/ALE deu a benvida e foi chamando á palestra a unha ducia de personalidades, pero comezou agradecendo a importancia do Parlamento Europeo que lle deu a Galicia o que nos denegou o Parlamento Galego e o Español: unha Comisión que investigase o caso.

Foi Camilo Nogueira, o primeiro deputado galego, que lembrou a súa viaxe o mesmo día da chegada do chapapote a Muxía (non tardou 8 días como o presidente da Xunta) que leu un pequeno comunicado moi comprometido.

Marie Toussaint, eurodeputada de Europe Écologie, do Grupo Verdes/ALE, puxo o foco na parte medioambiental, deixando claro que “a mellor forma de acabar coas mareas negras sería acabar coa extracción de gas e petróleo”. Destacou ademais que “Ana Miranda é un apoio real no avance da sociedade civil e do coidado da riqueza natural”.

Nunca Mais no Parlamento Europeo-Xurxo Lobato
Foto: Xurxo Lobato

Social e Natural

Arrincou o segundo bloque o xornalista Xosé Luís Pereiro, facendo unha clara crítica da xestión política e da comunicación do goberno central como fixo nos diferentes especiais destas semanas, facendo a comparación entre López Sors dicindo que “volvería facer o mesmo mandando o barco ao quinto pino” con que “Djukic dixera a día de hoxe que volvería tirar o penalti polo mesmo sitio e coa mesma intensidade”.
Con todo, Pereiro si considera que “o Prestige provocou cambios políticos, máis alá dos ascensos, porque Galicia non é a mesma”.

Unha emocionada Adela Figueroa, presidenta de ADEGA, quixo falar de cifras, pero sobre de “emocións, que son as que moven o mundo”.

Muxía e Camariñas en Bruxelas

Expedicion costeira no Parlamento Europeo
Expedición costeira no Parlamento Europeo

“Son Ana Pasantes, mariscadora de terceira xeración en Camariñas que vive por e para o mar”. Así arrincou esta idónea representante do mar costeiro, lembrando cando o “chapapote enlutou o noso mar”, pero quixo falar en clave de presente, deixando claro que a realidade é que completamente distinta á de antes do Prestige, dando cifras. En Camariñas pasamos de recoller 20000 kg no 2002, a 13.000 en 2020, o que provocou que pasaramos de 120 a 60 mariscadoras actuais. Non acabou sen agradecer a marea branca: “Sen os voluntarios non seguiría sendo unha orgullosa mariscadora camariñá”. O propio Xurxo Souto puxo en valor a participación de Pasantes, destacando a excelencia do mellor produto do mundo por diante da aposta pola acuicultura.

Homenaxe social ás xentes de Muxía

Ana Pasantes Luisa Gerpe e Santi Perez no Parlamento
Ana Pasantes, Luisa Gerpe e Santi Perez no Parlamento

Luisa Gerpe, mestra en Vilarmide, lembrou a importancia da Marea Branca, pero puxo o foco no indispensable papel da sociedade muxiá: ”gracias ás cociñeiras, ás veciñas que recibiron ao Ministro Arias Cañete á saída do helicóptero; a Xavier Sar, exemplo de dignidade e responsabilidade ante a incompetencia institucional, facendo da lonxa de Muxía un espazo de democracia; ás veciñas e veciños que nunca foran a unha manifestación, pero que berraron Nunca Máis; a Serafín, que mercaba pitillos para os voluntarios; a Lorena, a Alemana que puxo a vinoteca para todo que quixo alzar a voz; aos que preparaban os bocatas, que limpaban os pratos… ao profesorado e alumnado que pasaron moitas horas respondendo correos, e que participaron na cadea humada; ás xornalistas que contaron a verdade; aos contacontos, músicos, artistas… que viñeron para esquecer momentos a negrura que sentíamos; aos veciñ@s que abrían as portas para permitir que os vluntarios se duchasen e aos que tiveron que escoitar criticas doutros veciños por non vender o seu silencio; ou aos mariñeiros autoxestionados”.

Tamén lembrou aquel cheiro da chegada do chapapote o percebeiro Santiago Pérez Haz, e como foi Pepita a primeira que os impulsou a poñerse a limpar sen esperar á resposta das administracións, mesmo tendo que obrigar ao concello a comprar material. Iso si, tamén recordou que os percebeiros pasaron 11 meses sen traballar.

Nunca Máis no Parlamento Europeo-Foto-Demi Alvarez
Foto-Demi Alvarez

Nunca Máis

A posta en valor da mobilización social naqueles meses despois da catástrofe foron Suso de Toro e Xurxo Souto. Un emocionadisimo Suso comparou a catástrofe do Prestige mesmo con Chernobil, deixando claro que a do Prestige “non é unha catástrofe calquera”, porque “o pecio aínda segue afundido fronte a costa galega, e hai conseciencias que aínda non recibimos”. Chorou cando lembrou a súa chegada a Muxía e viviu a catástrofe ecolóxica, pero tamén lembrou “a indignación vivida aqueles días cando a administración que debía protexernos, estaba traicionándoos: mollei a libreta no chapapote e empecei a escribin”.
Puxo en valor “o traballo de poucos medios de comunicación comprometidos e as fotos por SMS como elemento decisivo”, ademais daqueles correos de Nacho Castro dende a Confraría de Muxía, para conseguir unha “mobilización que transformou a sociedade galega”.

Xurxo Souto lamentou que “Nunca Máis foi borrado da historia da Galcia contemporánea”, destacando que é unha aberración “enterrar en silencio tanta vida, tanta creatividade”. Porque “non se pode entender Galcia sen tal rebelión cívica”, chegando mesmo a inventar o “estilo galego de manifestación, unha manifestación gaiteira, xuntando milleiros de gaiteiros”.
Xurxo lembrou a manifestación en Bruxelas de xuño de 2003, con xentes galegas, pero tamén de toda Europa, con compañeiras da Bretaña, do Erika, Ancona (Italia), Escocia… países con problemas cos hidrocarburos, antes de facer berrar a todo o Parlamento o #NuncaMáis.

Xurxo Souto no Parlamento Europeo
Xurxo Souto facendo soar a bugina no Parlamento Europeo

ARTIGOS RELACIONADOS

NOVAS DO PRESTIGE

SEGUEMENTO DO XUÍZO DO PRESTIGE, POR JOSÉ LUÍS LOUZÁN

Comentarios