Camariñas loita unida contra as cabichas e as toalliñas húmidas
O pasado xoves o Museo de Man de Camelle de Camariñas acollía a segunda charla informativa do proxecto “Camariñas, a perla da limpeza ambiental da Costa da Morte”. Ese programa de concienciación de Mar de Fabula e o Concello camariñán para implicar a toda a veciñanza.
Máis dunha vintena de veciños e veciñas de Arou e Camelle, representantes dos tres partidos políticos,e membros da asociación A Pergholiña participaron na sesión.
A alcaldesa de Camariñas abriu a reunión salientando a importancia e valores do proxecto. A familia de Mar de Fábula foi debullando a os principais residuos que aparecen en todas as limpezas a e a importancia de atallar a súa contaminación na orixe: as cabichas e anacos de plásticos pequenos que se deixan no espazo público e que polos sumidoiros van ao mar, as toalliñas húmidas que se tiran polos retretes e van ao mar e os chicotes, fíos e cordeis das artes de pesca que veñen de fora e que, por centos, apañaron na última limpeza na praia de Camelle.<(/p>
Manuel, responsable de manteñemento do concello, de novo falou da problemática relacionada cos atascos nas tuberías das casas e nas estacións depuradoras das que as toalliñas húmidas son responsables nun 95 %. Problemática acentuada en Camelle onde todos os desbordes provocados polos atascos nas tuberías xúntanse coas pluviais afectando de maneira grave á calificación sanitaria que nos controis de calidade da auga de baño realiza periódicamente a Xunta de Galicia.
Fíxose de novo fincapé na necesidade de que os donos dos cans recollan os excrementos dos seus animais. A súa presenza nas rúas provoca a proliferación de roedores co conseguinte perigo para a saúde pública. A alcaldesa mencionou que está previsto un reforzo da policía municipal o que permitirá aplicar medidas coercitivas cando sexa necesario.
No intercambio de opinións e propostas, algúns veciños xubilados da mariña mercante comentaron a mellora nos últimos anos da xestión de residuos a bordo aínda que recoñeceron que se sigue contaminado o mar dende estos barcos.
Acordouse solicitar orzamentos para a confección de pegatinas informativas e papeleiras para os cuartos de baño das casas para non eliminar residuos polos retretes.
Tamén nas redes
Por último, cómpre destacar que participou na reunión Belinda Insua (@bel_enfermeira), enfermeira, influencer e divulgadora sanitaria cun elevado número de seguidores nas redes sociais. Dende o colectivo esperan contar coa súa colaboración para trasladar a esas redes sociais a importancia da limpeza, protección e saneamento do espazo público como valores esenciais para unha convivencia armónica, autoestima colectiva e respecto mutuo.
Nova limpeza en Mar de Fóra
A familia de Mar de Fábula artellou tamén durante a fin de semana unha nova limpeza, desta volta na praia de Mar de Fóra, en Fisterra. 13 persoas peitearon o marabilloso areal e retiraron un total 60,4 kg, de material contaminante, dos que salientamos: 4,2kg de botellas de plástico, latas e briks (que despositamos no contedor amarelo para a súa posible reciclaxe), 25 paos do cultivo do mexillón, 2 lámpadas fluorescentes e desmantelamos o que parecía ser un pequeno campamento formado por un colchón e unha almofada rodeados de botellas de bebida e cabichas.