martes. 14.10.2025
El tiempo

Os tres grupos políticos de Camariñas comprométense coa campaña medioambiental de Mar de Fábula

Mar de Fabula cos 3 grupos politicos de Camarinas
Xosé Manuel Barros, Paula Mouzo, Sandra Insua, Ana Pasantes e Virxinia Barros
Os tres grupos políticos de Camariñas comprométense coa campaña medioambiental de Mar de Fábula

A semana pasada a Asoc. Mar de Fábula e o Concello de Camariñas lanzaban ás redes a campaña "Camariñas, a perla ambiental da Costa da Morte".


Foi o pasado venres 10 de outubro cando tivo lugar no Museo do Encaixe de Camariñas a primeira reunión de información e debate das catro programadas, a realizar nas parroquias dentro da campaña. Deu a benvidade Xosé Manuel Barros e moderou Virxinia Barros, as almas de Mar de Fábula, e participaron as representantes do PP, Paula Mouzo; do PSOE, a alcaldesa Sandra Insua; e do BNG, Ana Pasantes.

Coa asistencia de 15 persoas e despois das palabras da alcaldesa abrindo a reunión, seguiu hora e media de intenso debate. O primeiro acto, importante polo seu simbolismo e que pode marcar un camiño a seguir noutras vilas da Costa da Morte, foi o asinamento da "DECLARACIÓN CONXUNTA DE CAMARIÑAS” por parte das tres forzas políticas representadas no concello, asumindo a necesidade de traballar unidas pola limpeza e protección da contorna litoral e do espazo común no que se desenvolve a nosa vida diaria.

Declaracion Conxunta Grupos Camarinas Camarinas coida o mar

Os grandes inimigos

Mar de Fábula deixou claro que xa temos datos dabondo para atallar a contaminación do mar na súa orixe sinalando a foto fixa dos tres principais contaminantes que aparecen sempre nas praias e que teñen a súa inmediata conexión coa terra firme: As cabichas e os plásticos que se tiran nas rúas e paseos marítimos e que polos sumidoiros van ao mar e as toalliñas húmidas que se tiran polos retrete.

Tamén falou Manuel, o responsable de mantemento do concello, que deu explicación polo miúdo de toda a problemática relacionada cos atascos nas tuberías domésticas e depuradoras dos que as toalliñas húmidas son responsables nun 95%. Comentou como os veciños e veciñas chámanlle arreo para resolver problemas de atascos orixinados por unhas malas prácticas que teñen a súa orixe na mensaxe enganosa do envasado nos supermercados anunciando que son biodegradables cando non é certo, o mesmo que cos bastonciños de algodóns e outros produtos de hixiene íntima.

Prohibido fumar nas terrazas

Comentouse que o proxecto do goberno central de prohibir fumar nas terrazas provocará unha maior cantidade de cabichas nas rúas e paseos marítimos e que non sería mala idea instalar colectores para plásticos e cabichas no espazo público e situar máis avisos en placas ao pé de sumidoiros anunciando que o mar empeza alí, como veñen de facer en Corcubión.

Fíxose referencia a outro refugallo moi frecuente na ribeira procedente esta vez da pesca como son aos chicotes, fíos ou cordeis da arte dos miños usados para unir o pano ás cordas e que semellan vermes de cor verde na area. Cómpre falar coas confrarías de pescadores para lle buscar solución a este problema de contaminación

Tamén se fixo referencia aos excrementos dos cans deixados nas rúas sen recoller polos seusndonos. Ademais do labor didáctico, insistiuse que multar aos donos sería unha boa solución. 

A segunda reunión da campaña será en Camelle, en data a confirmar con suficiente antelación, pero o equipo quedou pendente de tomar medidas para mobilizar á mocidade da zona.

Máis novas

Comentarios