A Croa cambia a forma de facer prevención contra os incendios forestais
Esta fin de semana, o incendio de Nande, en Traba, Laxe, complicouse, segundo nos confirmaban varios membros dos equipos de emerxencias, pola falta de pistas transitables para que os equipos antiincendios puidesen acceder ás zonas onde comezaba o lume.
Un perfecto exemplo do camiño necesario en materia de prevención que as zonas rurais galegas deben comezar a realizar, e do que xa temos experiencias na nosa comarca. Así o comprobamos visitando este sábado Camariñas, onde a Asociación de Propietarios Forestais A Croa inauguraba unha nova pista forestal.
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e outros membros da Xunta de Galicia, achegábanse aos montes camariñáns para percorrer a nova pista forestal de case un quilómetro, na que a Xunta investiu máis de 30.600 euros.
Por que é tan important unha pista?
Porque a recuperación desta pista, xunto coa apertura e limpeza doutros camiños da zona, supón un avance moi relevante para a prevención e defensa fronte aos incendios. Agora o monte é máis accesible para o distrito forestal e tamén para as veciñas e veciños que colaboran en labores de vixilancia, tránsito polos camiños e alerta temperá ante posibles lumes.
A obra que se inaugura executa a mellora dun camiño da concentración parcelaria que conecta o monte co lugar de Pións, unha actuación especialmente necesaria polo seu valor estratéxico para o acceso do monte.
A pista ten unha extensión de arredor dun kilómetro que, despois do paso de maquinaria pesada en época de choivas, quedara practicamente intransitable. As actuacións consistiron na limpeza de cunetas, planeo, refino, explanación e compactación da pista; na adecuación das franxas auxiliares e na instalación de dúas tajeas. A súa recuperación permite conectar o núcleo co monte, mellorar o acceso dos servizos forestais, facilitar unha intervención máis rápida en caso de incendio e crear unha discontinuidade que pode axudar a frear a propagación do lume.
Longo proceso de diálogo
O proceso requiriu coordinación e diálogo. Ao tratarse dun camiño de titularidade municipal, foi necesaria a implicación do Concello de Camariñas; así como o contacto cos propietarios das parcelas lindeiras.
Nun tramo aproximado dun kilómetro identificáronse arredor de 37 parcelas pertencentes a 29 propietarios, ademáis da titularidade municipal; que dou todas as facilidades para poder actuar nesta pista. Desde a asociación, fíxose un esforzo para informar os titulares das fincas e acadar o consenso para realizar as obras.
Este traballo amosa ademais o valor da colaboración entre propietarios, veciños, e as administracións: Concello de Camariñas, Xunta de Galicia e Distrito Forestal. "Cando o territorio se organiza, os camiños deixan de ser só vías de paso: convértense en infraestruturas fundamentais para coidar o monte protexer as aldeas e a seguridade de todos", explican.