Así é o íntegro Plan contra incendios da Asoc. de Propietarios Forestais a Croa
Este pasado sábado a Asociación de Propietarios Forestais A Croa, iniciou as actividades destinadas a informar, compartir e reforzar a implicación colectiva na prevención dos incendios forestais. Presentaron o seu plan de prevención, a tempo, e realizaron unha serie de faladoiros para resaltar a importancia do traballo desta época do ano.
A sesión tamén serviu para aprobar a nova directiva na que Chus Castro Candal exerce de nova presidenta. Na vicepresidencia recunca Manuel Romar Martínez, na secretaría continúa Ruperto Mosquera Rey e na tesourería Amador Campos Sánchez. Os vogais da asociación de propietarios forestais serán Lupe Vázquez Alvite, Mari Carmen Soneira Castiñeira, Isabel Mendez Castiñeira, Luis Rodriguez Luaces e Xusto Vicente López Carril.
No decurso da asamblea, a nova directiva salientou a excelente xestión realizada pola anterior presidenta e fundadora Adriana Rodriguez Luaces.
Xestión Común
A xornada serviu para lembrar os comezos desta proposta, que se basea na xestión común de montes de diferentes propietarios. Desde o seu nacemento, o 17 de Xuño de 2023, A CROA impulsou a colaboración e o consenso coa Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o Concello de Camariñas, a Fundación Juana de Vega e a Universidade da Coruña
A CROA xa está constituida como Agrupación Forestal de Xestión Conxunta. Identificáronse máis de 600 parcelas de socios, xa rexistradas con referencia catastral; sumando en conxunto máis de 80 hectáreas que polo de agora será a superficie xestionada baixo o coidado da asociación. Agora mesmo o número de propietarios individuais das parcelas supera as 60 persoas. A idea é buscar axudas para logo xestionalas, e tamén abordar cortas ou limpezas conxuntas para os socios interesados.
Traballo Previo
Pero é que a entidade xa leva feito moito traballo a día de hoxe. Entre as actividades realizadas a Xunta de Galicia limpou máis de 60 quílometros de camiños, que nalgúns casos levaban 50 anos intransitables. Por outra parte, con fondos da Union Europea construíse unha pista de acceso con vocación corta lumes de case un quilometro. A pista será inaugurada o vindeiro 4 de xullo.
Tamén se dialogou con madeiristas e empresas forestais para protexer as pistas e da mellora e construción de puntos de auga estratéxicos para utilizar en caso de incendio.
Xa nas xornadas do sábado, no primerio coloquio interviron: Sara Romero, xefa do Distrito Forestal V Fisterra, e José Santos, membro da cuadrilla de vixiancia contra incendios de Merexo, do concello de Muxía. Estiveron moderados por Alejandro Álvarez, enxeñeiro forestal e colaborador de A CROA.
Os convidados falaron de medidas como a creación de faixas comunitarias, da xestión da limpeza arredor das casas e da organización de grupos de vixiancia.
Unha das ideas principais dentro da súa campaña de prevención contra os lumes forestais, A CROA, un ano máis, é o fomento as brigadas, coa creación de cuadrillas de socios para alertar dos posibles incendios. A idea é incrementar o número de cuadrillas; por iso a asociación forestal fai un chamamento aos veciños do concello de Camariñas para que participen na loita contra esta lacra.


