A Croa dá outro exemplo de prevención ante os incendios coa apertura dunha nova pista forestal

Hai bos exemplos de traballo comunitario (que non das administracións) en materia de prevención contra os incendios. A parroquia da Redonda ou a Asociación de Propietarios Forestais A Croa de Camariñas son dúas das experiencias máis acaídas. 3 anos leva A Croa traballando para mellorar a xestión, a protección e o futuro dos montes da parroquia de Camariñas, sendo xa recoñecida pola Xunta como un exemplo ideal en materia de cooperación veciñal

En Camariñas, este sábado, 11 de xullo, teñen unha data moi especial coa inauguración da pista forestal da zona de Pións. E por que é tan importante? Porque a recuperación desta pista, xunto coa apertura e limpeza doutros camiños da zona, supón un avance moi relevante para a prevención e defensa fronte aos incendios. Agora o monte é máis accesible para o distrito forestal e tamén para as veciñas e veciños que colaboran en labores de vixilancia, tránsito polos camiños e alerta temperá ante posibles lumes.

A obra que se inaugura executa a mellora dun camiño da concentración parcelaria que conecta o monte co lugar de Pións, unha actuación especialmente necesaria polo seu valor estratéxico para o acceso do monte.

A pista ten unha extensión de arredor dun kilómetro que, despois do paso de maquinaria pesada en época de choivas, quedara  practicamente intransitable. As actuacións consistiron na limpeza de cunetas, planeo, refino, explanación e compactación da pista; na adecuación das franxas auxiliares e na instalación de dúas tajeas. A súa recuperación permite conectar o núcleo co monte, mellorar o acceso dos servizos forestais, facilitar unha intervención máis rápida en caso de incendio e crear unha discontinuidade que pode axudar a frear a propagación do lume.

Mapa da pista forestal antiincendios da Croa de Camarinas

Un acto potente

O punto de encontro será quince minutos antes na praza do Concello de Camariñas. A xornada inclúe unha visita a nova infraestructura e un acto público que comenzará as 12:30h do mediodía na Casa de Pedra da vila dos encaixes. Nel intervirán a alcaldesa, Sandra Insua. A Directora Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, María Luisa Piñeiro Arcos e o Conselleiro da Presidencia Xustiza, e Deportes, Diego Calvo; ademáis da presidenta da entidade organizadora, María Xesús Castro e de Daniel Canosa, enxeniero e colaborador da asociación. Asistirán tamén representantes do Distrito Forestar V de Fisterra; da Fundación Juana de Vega, e de entidades como Mar de Fábula. 

Longo proceso de diálogo

O proceso requiriu coordinación e diálogo. Ao tratarse dun camiño de titularidade municipal, foi necesaria a implicación do Concello de Camariñas; así como o contacto cos propietarios das parcelas lindeiras.
Nun tramo aproximado dun kilómetro identificáronse arredor de 37 parcelas pertencentes a 29 propietarios, ademáis da titularidade municipal; que dou todas as facilidades para poder actuar nesta pista. Desde a asociación, fíxose un esforzo para informar os titulares das fincas e acadar o consenso para realizar as obras.

Este traballo amosa ademais o valor da colaboración entre propietarios, veciños, e as administracións: Concello de Camariñas, Xunta de Galicia e Distrito Forestal. "Cando o territorio se organiza, os camiños deixan de ser só vías de paso: convértense en infraestruturas fundamentais para coidar o monte protexer as aldeas e a seguridade de todos", explican.

Mapa pista forestal antiincendios de Camarinas

Máis novas