O Faro Vilán amplía o horario por verán

Salón de exposicións do Faro Vilán

As instalación do Centro de Interpretación do Faro de Cabo Vilán amplía o seu horario coa chegada da tempada alta de verán. A Asociación de Empresarios e Promoción Turística de Camariñas adapta o seu horario de apertura coa chegada da tempada alta, co obxectivo de seguir ofrecendo un mellor servizo ás persoas visitantes durante os meses de xullo e agosto
coincidindo cos meses de maior afluencia turística.

Deste xeito, a partir de agora, o centro permanecerá aberto de mércores a luns, en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 15:00 a 19:00 horas, ampliando así a atención ao público durante a tarde. Os martes permanecerá pechado por descanso do persoal.

Este cambio permitirá facilitar o acceso ás instalacións nunha época especialmente destacada para o turismo na Costa da Morte, favorecendo que tanto visitantes como veciñanza poidan achegarse a un dos espazos máis emblemáticos do litoral galego e desfrutar da súa contorna, da súa historia e da proposta expositiva do centro.

O Centro de Interpretación do Faro de Cabo Vilán constitúe un referente patrimonial, paisaxístico e cultural de Galicia, ofrecendo ás persoas visitantes a oportunidade de coñecer de preto a historia do faro, a súa relevancia no ámbito marítimo e a singularidade dun enclave único na Costa da Morte.