Marisol Soneira e Ángel Mesa falaron da crise da polarización no IES da Ponte do Porto

Os ex parlamentarios Marisol Soneira e Angel Mesa no IES da Ponte do Porto

Segue o IES Pedra da Aguia co seu proxecto transversal de achegar o mundo da política e do Parlamento ao alumnado. Este xoves, dous exdeputados do Parlamento galego para explicar o funcionamento do órgano lexislativo a unha trintena de alumnos de 3º da ESO.

Marisol Soneira, camariñá e ligada ao PsdG e o coruñés do PPdG Ángel Mesa, veteranos xa nestas charlas-coloquio, non só explicaron o funcionamento do Parlamento senón que tamén afondaron nos temas de actualidade. Reivindicaron a figura do político como unha persoa que presta un servizo público, á vez que criticaron o que só se fale deles cando xorde algún tipo de escándalo.

Destacaron a importancia do poder da palabra ben empregada, fronte aos comentarios sen fundamento dos que se nutren as redes sociais. Precisamente, o consumo abusivo por parte da xuventude actual deste tipo de ferramentas de comunicación supón un perigo real e a evidente constatación da polarización máis extrema entre os mozos, que extraen conclusións e pensamentos erróneos sobre determinados asuntos delicados da actualidade.

Igualmente criticaron a continua referencia a feitos do pasado por parte de persoas que non viviron esa época, sobre todo cando xa levamos 50 anos de democracia e o que interesa é mirar cara adiante, valorando e conservando o ben máis prezado que nos ofrece esta situación: a liberdade.
Por tal motivo, animaron ao alumnado presente a asociarse entre eles e a redactar escritos nos que reclamen ás institucións máis próximas as súas principais demandas. É a mellor forma de enganchalos á realidade e convertelos en cidadáns activos.

Este tipo de encontros con alumnos de secundaria vén sendo habitual no Centro nos últimos anos e adoita preceder a unha visita que o Instituto realiza posteriormente co mesmo alumnado ás institucións europeas. Así, a principios do mes de marzo do 2026 viaxarán a Estrasburgo para coñecer como traballa tanto o Parlamento Europeo como o Consello de Europa, organismo este último que non pertence á UE, pero que foi o primeiro fogar do Parlamento europeo ata a súa actual localización, e que está máis enfocado á defensa dos Dereitos humanos.