A Mostra do Encaixe arrincou homenaxeando ás mulleres que levan Camariñas a todo o planeta
Esta pasada tarde de mércores botou a andar a XXXIV edición da Mostra do Encaixe Deputación da Coruña. Un ateigado pavillón Victor Vigo (estímase a presenza de máis de 20.000 persoas nestes días) vivirá a revolución do encaixe ata o domingo 20 de abril nun evento que marida unha artesanía con máis de 600 anos de historia coa moda máis vangardista que, co lema ‘Un mar de piques’ busca salientar a forte conexión que existe na vila entre o mar e o encaixe, a natureza e a tradición.
As 4 administracións quixeron estar presentes no corte da cinta que inaguraba a Mostra, sendo protagonistas a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; a subdelegada do Goberno María Rivas, e o director xeral de Comercio, Gabriel Alén.
Deu a benvida a rexedora Sandra Insua que salientou que “esta Mostra, coma todas, é unha festa, si, pero tamén é unha homenaxe, un recoñecemento á nosa historia, á nosa tradición e, sobre todo, ás mulleres que fixeron posible que o encaixe de Camariñas chegase ata aquí”. “O que fan as nosas palilleiras é arte, é técnica, é herdanza e é futuro. Son mulleres valentes, sabias, decididas e libres, que souberon transformar algo doméstico nun elemento de vangarda, por iso dicimos que a Mostra é un acto de reivindicación feminista, porque aquí o protagonismo é das mulleres, das que estaban antes ca nós, e das que veñen detrás, aprendendo, orgullosas do que lles deixaron”, afirmou.
No seu discurso, a rexedora tamén quixo facer un recoñecemento “a todas as persoas que traballan no noso mar. Esa xente que, en silencio, ergue Camariñas día tras día. Con esforzo, con humildade e cun orgullo que non se anuncia pero que se sente”.
“Estou especialmente orgullosa de que este ano a imaxe da Mostra estea feita por xente da Costa da Morte. Un cartel marabilloso da ilustradora ceense Laura Suárez, un vídeo precioso dirixido polo camariñán Diego Alonso, coa música dos nosos queridos irmáns Fran e Carlos Barcia Trashorras e coa voz da nosa veciña de Buría, Carla Valiña”, explicou.
Ademais, Insua lembrou que “durante estes cinco días Camariñas volverá a ser capital nacional da moda, o encaixe xa non é só tradición, é vangarda, é arte, é deseño, é moda urbana. E por iso seguiremos sorprendendo, porque Camariñas é capaz de unir o antigo e o novo, o oficio e a innovación, o local e o internacional”.
Pola súa parte, Valentín González Formoso, indicou que “este é un evento que xa non pertence só a Camariñas, senón que é un símbolo recoñecido da cultura galega e unha referencia internacional da artesanía con alma”. “Desde a Deputación da Coruña levamos máis de trinta anos apoiando esta mostra porque sabemos o que significa para Camariñas, para a Costa da Morte e para Galicia Enteira. Sentimos que apoiar o encaixe é apoiar o territorio, é xerar actividade económica e defender un xeito de facer e de ser que nos define como pobo”.
Gabriel Alén destacou que “o encaixe abandeira a artesanía non só de Camariñas, de todo Galicia polo mundo adiante” e fixo un recoñecemento “a aquelas persoas que poñen en valor o encaixe, especialmente mulleres, a elas debémoslle a conversación dun oficio tradicional tan importante para a artesanía galega”.
Por último, María Rivas puxo o foco nas “Mulleres palilleiras de Camariñas que, puntada a puntada, lograron quen o nome de Camariñas chegue a todo o mundo, e que a calidade dos seus encaixes sexa recoñecida en prestixiosas pasarelas de moda, como a de Nova York”. "Quero transmitirvos o recoñecemento do Goberno de España ao traballo que facedes para mergullar Camariñas e a toda a Costa da Morte nun mar de piques. Sodes un exemplo para as mulleres de Galicia, de España e do mundo enteiro”, afirmou.
Despois da pertinente visita aos diferentes postos e stands que se ubican nos dous pavillóns municipais acondicionados para a ocasión, as autoridades presenciaron a pasarela inaugural da Mostra co desfile do ‘Pequencaixe’ e o dos ‘Grandes Deseñadores’ no que as firmas participantes amosaron por primeira vez as coleccións que prepararon para a Mostra co encaixe como protagonista. Os desfiles inaugurais estiveron amenizados pola música de Fillas de Cassandra, unha das grandes citas musiqueiras da xornada que fixo tremer a todo o pavillón.
O programa
Artesanía e moda serán protagonistas, con desfiles de grandes deseñadores, pero tamén de novos talentos, de artEncaixe, os sempres esperados desfiles das PequeEncaixe ou das Encaixeiras Senior, ou das delegacións internacionais. Haberá demostracións en vivo continuamente e tamén música e libros, coas Fillas de Cassandra, Budiño, Soledad Vidal, Rocío Camaño, David Amor como accións destacadas da programación.