A Mostra do Encaixe queceu motores na Coruña

Os centos de persoas que pasaron a pasada tarde sabatina pola céntrica praza de María Pita, na Coruña, puideron desfrutar dun desfile-exhibición que sirve como antesala á XXXIV Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña e apreciar así o ben que funciona a fusión do encaixe de Camariñas coa moda contemporánea.
No desfile exhibíronse diferentes coleccións co encaixe aplicado de deseñadores como Esteban Freiría Jose Matteos, Joaquín Ruíz, Anamingo, Andion Clothing e Ana Cabranes. Dez modelos luciron as súas creacións.
A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, e as concelleiras Encarna Liñeiro e Begoña Tajes, estiveron presentes neste desfile-exhibición.
Máis talento para os desfiles de ArtEncaixe

A Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña, que celebrará a súa trixésimo cuarta edición do 16 ao 20 de abril, suma talento a esgalla nos seus stands, nos seus espazos gastronómicos e tamén nas distintas modalidades de desfile.
Así, na Pasarela Deputación da Coruña poderemos ver pezas únicas da man de artesáns e artesás como Suso Calo, Josefina Campaña e Mariví Santos, que se suman ao resto de confirmacións para o ámbito do ArtEncaixe.
Lobo Tolo é un álter que Suso Calo se puxo para representar as súas pezas de xoiaría alternativa. Para elo, emprega materiais que non son comúns na xoiaría tradicional, como o óso, o titanio, o aceiro ou o bronce.
Na colección de 2025, a cuarta que presenta diante do público da Mostra, poderemos ver pezas inspiradas na mitoloxía. “O Encaixe achega unha variedade atractiva ás pezas de xoiaría, e cando lle colles un pouco de apego, flúe de xeito natural. Este ano para a pasarela volve a ser temática; os complementos decorativos desaparecen, os pendentes levarán apliques de Encaixe a medida, combinados con nácar, titanio e prata e romperá moldes con respecto ás anteriores”, afirma Suso Calo.
Ondas do Mar nace do desexo de expresar, a través do deseño, o que Galicia e a alma da autora, lle inspiran. Sempre rendendo tributo ás súas raíces, Josefina Campaña lembra ao mundo cunha nova mirada sen que perda un chisco da súa alma.
O encaixe de Camariñas é o centro de Ondas do Mar. A creatividade é a esencia desta firma, e iso fai que a integración de cada peza sexa natural, fluída e chea de significado. Cada creación nace do respecto pola tradición, pero tamén dunha mirada nova, libre e chea de forza.
“Este ano Ondas do Mar chega á Mostra do Encaixe con moito que contar, e aínda máis que sentir. Camariñas será, unha vez máis, o escenario onde a tradición e a fantasía vaian da man, con fíos que bailan e historias que se entrelazan. Só podo dicir que o Encaixe será protagonista, e que o corazón da nosa terra latexará máis forte ca nunca”, di a súa creadora.
Máis novas