A Mostra do Encaixe pulveriza todos os rexistros con 23.390 visitantes
Espectacular demostración de poderío da XXXIV Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña. Nin o tempo minguou o interese nunha das principais citas da Semana Santa da Costa da Morte, que recibiu 23.390 visitantes ao longo dos 4 días de mostra, o dato de asistencia máis alto dende 2011. O día de maior afluencia foi o venres, 18 de abril, con 6.876 persoas.
A Mostra segue a afianzarse como un dinamizador para o turismo e a hostelería de todo Camariñas (cómpre destacar tamén as visitas ao Faro Vilán, e tamén da Costa da Morte, sendo un foco de atración a nivel estatal.
A Mostra do Encaixe está xa consolidada como unha das principais pasarelas de moda de todo o estado, facendo que unha artesanía con máis de 600 anos de antigüidade se convertise nun elemento de vangarda. Definiuno moi ben concelleira do Encaixe, Encarna Liñeiro: “a Mostra é un evento que conserva a súa esencia máis pura, pero que soubo evolucionar, medrar e adaptarse aos novos tempos sen perder a súa identidade. Hai anos que deixou de ser só un escaparate de artesanía, hoxe é unha pasarela de referencia no mundo da moda, recoñecida en todo o país”.
Grandes Deseñadores e Noveis
Unha das principais razóns polas que a Mostra se ten convertido en referente da moda estatal é a súa combinada aposta polos grandes deseñadores e polos novos talentos. Unha doble representación que se visibiliza moi ben co sempre esperado Encontro entre Grandes e Noveis Deseñadores. Un evento moi especial no que grandes figuras da pasarela internacional como Modesto Lombra, Charo Carrillo, Ana Cabranes, Claudina Mata e Francisco Basteiro, responden ás preguntas dos deseñadores que están comezando a súa carreira, sempre baixo a dirección da cara máis coñecida da Mostra, a do presentador corcubionés Saulo Fernández.
Ademais, un dos premios máis esperados da Mostra é o do XXXI concurso de Noveis Deseñadores, que repartiu 4.500 euros entres os escollidos das 38 propostas presentadas. O primeiro premio, entregado pola alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, recaeu nas mans de Estefanía Orgaz e Pedro Orgaz, que conquistaron ao xurado profesional coa súa colección Mitra.
O responsable da planta de Vilán de Stolt Sea Farm, José Figueroa, entregoullle o premio a Ritual de lume e sombra, de Yara González Barral, que quedou en segundo lugar; mentres que a colección Paint it colors de Lucía Janeiro, Clara Rey e Antonio Soto que recibiu o premio da responsable de relacións institucionais de Frigoríficos de Camariñas, Verónica Canosa; acadou o terceiro posto. O cuarto premio, entregado pola presidenta da Asociación de Empresarios e Promoción Turística de Camariñas, Olga Campos, foi para Onintze Aramburu e Sofía Puertas, con Apar.
E nesa mesma liña de aposta polos novos talentos, a Mostra estreou o novo desfile ‘Firma Emerxente’, un concepto co que se pretende axudar a deseñadores emerxentes, que participaron nalgunha edición do concurso de Noveis Deseñadores e que seguen a promocionar o encaixe de Camariñas a través do seu traballo, a consolidarse como marca. Nesta edición a ‘Firma Emerxente’ é Xaquín Ruíz, que participou en varias ocasións no concurso, e que durante todo o ano promociona, a través das súas coleccións, o encaixe de Camariñas en feiras por Europa. Presentou dúas coleccións: ‘Flor de toxo’ e ‘Rebelde’.
A canteira
A canteira está garantida, como se demostra co voluntariado, na pioneira Escola de Palillo (unha das grandes culpables da recuperación desa artesanía) e nas pequenas e pequenos modelos que participan no PequEncaixe. De feito, os nenos e nenas da Escola de Palillo recibiron un agasallo moi especial para recoñer o traballo que realizan ao longo do ano e que garante o futuro do encaixe: o libro ‘Un viaje por el espacio’, da camariñana Águeda Antelo.
Libros e Música
Os libros e a música foron protagonistas na completa programación da Mostra. Cómpre destacar a actuación das Fillas de Cassandra na xornada inaugural, pero tamén a da ceense Rocío Caamaño, e da soprano Soledad Vidal e o pianista Aurelio Viribay co seu concerto 'Cantares Atlánticos’.
Ademais, os libros, con acento costeiro, tamén tiveron o seu espazo para demostrar o potencial da nosa comarca e materia literaria. Xesús Búa, e Icía Varela e Xosé Manuel Varela foron os encargados de abrir as presentacións na xornada do xoves. O fotorxonalista Xesús Búa presentou ‘Homes e Mulleres de Sal e Ferro’, unha publicación que describe a xornada completa de traballo dos percebeiros e percebeiras de Camariñas e Muxía, en plena da Costa da Morte.
Seguiron a pandereteira Icía Varela e o especialista Xosé Manuel Varela coa súa publicación ‘Cantareiras’, un percorrido polo legado da música e a poesía popular, a tradición das pandeireteiras.
O venres foi o turno de Josefina Campaña e Xan Fernández. A camariñana Josefina Campaña, que tamén participa, desde hai anos, no desfile de ArtEncaixe, presentou o seu libro ‘De niña artesana a mujer’, no que repasa a súa experiencia vital, unha publicación moi emotiva e chea de momentos persoais da autora.
Logo subiu á tarima de presentacións Xan Fernández, que presentou a guía ‘Camariñas, un mar de encaixe’, unha publicación turística que fía todos os recursos patrimoniais do municipio.
Alfonso de Sas e Ana García foron os encargados de poñer punto e final á ampla e variada programación literaria da Mostra.
A Mostra tivo tamén máis protagonistas costeiros como os bailaríns de Arte e Movemento, a mullers do VIII Encontro de Corais (Coral Polifónica Santa Cecilia de Coristanco, Polifónica Alecrín de Brión e Coral Municipal Brisas do Mar de Camariñas), as criaturas do desfile 'Encaixa con Guillermina Kids' ou as Cansorriñas coa súa actuación 'Gardianas do Encaixe’.