mércores. 30.04.2025
El tiempo

A Mostra do Encaixe pulveriza todos os rexistros con 23.390 visitantes

Mostra do Encaixe Camarinas 2025-Desfile 1
A Mostra do Encaixe pulveriza todos os rexistros con 23.390 visitantes

Espectacular demostración de poderío da XXXIV Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña. Nin o tempo minguou o interese nunha das principais citas da Semana Santa da Costa da Morte, que recibiu 23.390 visitantes ao longo dos 4 días de mostra, o dato de asistencia máis alto dende 2011. O día de maior afluencia foi o venres, 18 de abril, con 6.876 persoas.

A Mostra segue a afianzarse como un dinamizador para o turismo e a hostelería de todo Camariñas (cómpre destacar tamén as visitas ao Faro Vilán, e tamén da Costa da Morte, sendo un foco de atración a nivel estatal.

MOstra Encaixe CamarinasASISTENCIA 2025

A Mostra do Encaixe está xa consolidada como unha das principais pasarelas de moda de todo o estado, facendo que unha artesanía con máis de 600 anos de antigüidade se convertise nun elemento de vangarda. Definiuno moi ben concelleira do Encaixe, Encarna Liñeiro: “a Mostra é un evento que conserva a súa esencia máis pura, pero que soubo evolucionar, medrar e adaptarse aos novos tempos sen perder a súa identidade. Hai anos que deixou de ser só un escaparate de artesanía, hoxe é unha pasarela de referencia no mundo da moda, recoñecida en todo o país”.

Grandes Deseñadores e Noveis

Mostra do Encaixe 2025-Encontro 2

Unha das principais razóns polas que a Mostra se ten convertido en referente da moda estatal é a súa combinada aposta polos grandes deseñadores e polos novos talentos. Unha doble representación que se visibiliza moi ben co sempre esperado Encontro entre Grandes e Noveis Deseñadores. Un evento moi especial no que grandes figuras da pasarela internacional como Modesto Lombra, Charo Carrillo, Ana Cabranes, Claudina Mata e Francisco Basteiro, responden ás preguntas dos deseñadores que están comezando a súa carreira, sempre baixo a dirección da cara máis coñecida da Mostra, a do presentador corcubionés Saulo Fernández.

Mostra do Encaixe 2025-Encontro
Outra imaxe do Encontro de Grandes e Noveis Deseñadores
FOTO GRUPO Desenadores Noveis Mostra
Foto de grupo dos gañadores do concurso de Noveis Deseñadore

Ademais, un dos premios máis esperados da Mostra é o do XXXI concurso de Noveis Deseñadores, que repartiu 4.500 euros entres os escollidos das 38 propostas presentadas. O primeiro premio, entregado pola alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, recaeu nas mans de Estefanía Orgaz e Pedro Orgaz, que conquistaron ao xurado profesional coa súa colección Mitra.
O responsable da planta de Vilán de Stolt Sea Farm, José Figueroa, entregoullle o premio a Ritual de lume e sombra, de Yara González Barral, que quedou en segundo lugar; mentres que a colección Paint it colors de Lucía Janeiro, Clara Rey e Antonio Soto que recibiu o premio da responsable de relacións institucionais de Frigoríficos de Camariñas, Verónica Canosa; acadou o terceiro posto. O cuarto premio, entregado pola presidenta da Asociación de Empresarios e Promoción Turística de Camariñas, Olga Campos, foi para Onintze Aramburu e Sofía Puertas, con Apar.

PRIMEIRO PREMIO_Concurso Desenadores Noveis Mostra Encaixe 2025
Estefanía Orgaz e Pedro Orgaz levaron o primeiro premio do Concurso Desenadores Noveis 

E nesa mesma liña de aposta polos novos talentos, a Mostra estreou o novo desfile ‘Firma Emerxente’, un concepto co que se pretende axudar a deseñadores emerxentes, que participaron nalgunha edición do concurso de Noveis Deseñadores e que seguen a promocionar o encaixe de Camariñas a través do seu traballo, a consolidarse como marca. Nesta edición a ‘Firma Emerxente’ é Xaquín Ruíz, que participou en varias ocasións no concurso, e que durante todo o ano promociona, a través das súas coleccións, o encaixe de Camariñas en feiras por Europa. Presentou dúas coleccións: ‘Flor de toxo’ e ‘Rebelde’.

Mostra do Encaixe -Firma EMERXENTE
Xaquín Ruíz estreou o desfile Firma Emerxente

A canteira

Mostra Encaixe Camarinas 2025-Pequeencaixe
Unha das artistas do PequeEncaixe

A canteira está garantida, como se demostra co voluntariado, na pioneira Escola de Palillo (unha das grandes culpables da recuperación desa artesanía) e nas pequenas e pequenos modelos que participan no PequEncaixe. De feito, os nenos e nenas da Escola de Palillo recibiron un agasallo moi especial para recoñer o traballo que realizan ao longo do ano e que garante o futuro do encaixe: o libro ‘Un viaje por el espacio’, da camariñana Águeda Antelo.

MEDIOS NOVOS ENCAIXEIROS
Os peques recibindo o libro de Águeda Antelo

Libros e Música

Rocio Caamano na MOstra do Encaixe
Rocío Caamaño

Os libros e a música foron protagonistas na completa programación da Mostra. Cómpre destacar a actuación das Fillas de Cassandra na xornada inaugural, pero tamén a da ceense Rocío Caamaño, e da soprano Soledad Vidal e o pianista Aurelio Viribay co seu concerto 'Cantares Atlánticos’.

Xesus Bua na Mostra do Encaixe
Xesús Búa na Mostra do Encaixe

Ademais, os libros, con acento costeiro, tamén tiveron o seu espazo para demostrar o potencial da nosa comarca e materia literaria. Xesús Búa, e Icía Varela e Xosé Manuel Varela foron os encargados de abrir as presentacións na xornada do xoves. O fotorxonalista Xesús Búa presentou ‘Homes e Mulleres de Sal e Ferro’, unha publicación que describe a xornada completa de traballo dos percebeiros e percebeiras de Camariñas e Muxía, en plena da Costa da Morte.
Seguiron a pandereteira Icía Varela e o especialista Xosé Manuel Varela coa súa publicación ‘Cantareiras’, un percorrido polo legado da música e a poesía popular, a tradición das pandeireteiras.

Icia Varela na Mostra do Encaixe
Icía Varela levou ás súas pandereteiras

O venres foi o turno de Josefina Campaña e Xan Fernández. A camariñana Josefina Campaña, que tamén participa, desde hai anos, no desfile de ArtEncaixe, presentou o seu libro ‘De niña artesana a mujer’, no que repasa a súa experiencia vital, unha publicación moi emotiva e chea de momentos persoais da autora.
Logo subiu á tarima de presentacións Xan Fernández, que presentou a guía ‘Camariñas, un mar de encaixe’, unha publicación turística que fía todos os recursos patrimoniais do municipio.

Josefina Fernandez e Marcial Mouzo na Mostra
Josefina Fernandez e Marcial Mouzo 
Xan Fernandez Carrera e Marcial Mouzo na Mostra do Encaixe
Xan Fernández Carrera e Marcial Mouzo

Alfonso de Sas e Ana García foron os encargados de poñer punto e final á ampla e variada programación literaria da Mostra.

A Mostra tivo tamén máis protagonistas costeiros como os bailaríns de Arte e Movemento, a mullers do VIII Encontro de Corais (Coral Polifónica Santa Cecilia de Coristanco, Polifónica Alecrín de Brión e Coral Municipal Brisas do Mar de Camariñas), as criaturas do desfile 'Encaixa con Guillermina Kids' ou as Cansorriñas coa súa actuación 'Gardianas do Encaixe’.

Corais na Mostra

Máis novas da Mostra

Comentarios