Piden ao goberno estatal rescatar do abandono a oficina de Correos de Camariñas

Correos vén de sacar un selo con Punta Nariga Destino Starlight como protagonista

O BNG reclama ao goberno do Estado que solucione a situación de abandono da oficina de Correos de Camariñas. Vaino facer a través do parlamentario Néstor Rego, vén de rexistrar unha iniciativa no Congreso dos Deputados.

Os nacionalistas sinalan que “a falta de persoal preocupa á veciñanza”, e indican que a oficina “leva case un mes sen conexión a internet”. 
Así o explica tamén o voceiro do BNG de Camariñas, Xurxo Rodríguez, afirma que “hai que rematar co estado de desmantelamento desta oficina para garantir o dereito ao acceso postal universal e a prestación de servizos de calidade”

 

“A situación de Correos de Camariñas é de absoluto abandono e o seu deterioro preocupa á veciñanza; hai tempo que non se cubre unha das baixas, descoñecéndose se é unha xubilación ou unha baixa por doenza”, indicaron desde o BNG, que subliñou que a outra oficina do municipio, situada na Ponte do Porto, “recortou o servizo a tan so unha hora ao día de atención ao público”. Ademais, a persoa traballadora que está na oficina de Camariñas parece estar adscrita á de Vimianzo.