Juan Lesta inaugura unha exposición exclusiva para o Faro Vilán
O vindeiro luns 3 de agosto ás 12:30 horas Juan Lesta inaugura a exposición "Horizonte Vilán" na sala de exposicións do único faro aberto da Costa da morte. Esta exposición reúne obras creadas especificamente para este espazo, xunto con outras que revisitou e transformou para a ocasión.
O artista visual herculino trae unha serie de pezas de vídeo inéditas, ademais de rescatar unha serie instalacións creadas nos últimos anos para adaptalas a un lugar onde o seu significado adquire unha dimensión especial. A exposición compleméntase cunha selección de fotografías da serie Ceos intervidos, unha obra que, como o resto das pezas, xorde dunha observación coidadosa da paisaxe e da relación entre a mirada, o tempo e o horizonte.
"Expor no Faro Vilán ofrece a oportunidade de levar estas investigacións a un espazo que actúa non só como contedor, senón como parte da propia obra", explica Lesta. "O faro, o océano e o horizonte forman unha única paisaxe física e simbólica desde a que continuar explorando temas que impregnaron o meu traballo durante anos".
A exposición presenta novas pezas de vídeo, instalacións desenvolvidas nos últimos anos e unha adaptación dunha obra dedicada aos faros, que atopa un contexto particularmente significativo en Vilán. A exposición compleméntase cunha selección de fotografías da serie "Ceos Intervidos", unha obra que comparte coas pezas audiovisuais da exposición unha reflexión sobre o horizonte como espazo de percepción, transformación e memoria.
As pezas audiovisuais da exposición continúan unha liña de traballo desenvolvida por Juan Lesta en colaboración co músico Marco Maril, unha relación creativa presente nos seus proxectos relacionados co mar, o horizonte e a percepción da paisaxe. A través da interacción entre imaxe e son, estas obras exploran novas formas de experimentar o territorio, o paso do tempo e a memoria do lugar. Lonxe de representar a paisaxe, as obras de Juan Lesta baséanse na intervención do horizonte como estratexia artística.
A través da luz, o vídeo, o son e a construción de instalacións espaciais, as obras modifican a experiencia perceptiva do espectador e transforman o territorio nun lugar de observación activa, onde o tempo, a memoria e a paisaxe se entrelazan. En Horizonte Vilán, esta liña de traballo atopa un contexto particularmente significativo: un faro cuxa arquitectura, a súa relación co océano e a súa posición no límite entre a terra e o mar forman parte inseparable da propia exposición.


