A pleno a primeira fase do Museo dos Naufraxios de Camariñas
O Concello de Camariñas levará mañá, martes 7 de outubro, a un pleno extraordinario (ás 9:00 horas) a proposta de aprobación do novo proxecto, e solicitude da subvención á Deputación da Coruña, para a primeira fase do Museo dos Naufraxios. Unha primeira fase na que se abrirá ao público a Sala de Exposicións ‘Beti Donosti’.
O orzamento total desta primeira fase ascende a 430.000 euros, dos que a Deputación aportaría, a través da citada subvención nominativa, o 76,7% (330.000 euros) e o Concello asumiría a parte restante. Esta axuda ten que solicitarse por terceira vez, tras ser aprobada no ano 2022 e en 2023, ao sufrir modificacións o proxecto inicial.
Rehabilitación dun edificio en ruinas
Explican dende o goberno municipal que proceso que se iniciou ao recibir un informe onde se recomendaba o derrubamento do edificio pero, debido ao seu alto valor sentimental, o goberno local loitou para sacar adiante esta nova proposta e demostrar que estruturalmente está en condicións de renovarse.
O proxecto consiste na reparación e consolidación dos elementos estruturais do edificio da Lonxa Vella, así como das obras de reforma da envolvente exterior do mesmo, co fin de recuperalo, evitando así o seu deterioro e así poder destinalo á Sala de Exposición ‘Beti Donosti’ e ao futuro Museo dos Naufraxios.
Unha vez rematados estes traballos no exterior, preténdese recuperar a funcionalidade deste edificio público rehabilitando unicamente unha zona da planta baixa do mesmo. Alí proxéctase unha zona na que se acondicionarán servizos eun espazo de uso público destinado á Sala de Exposición ‘Beti Donosti’. Ambos espazos estarán comunicados entre si a través dunha zona común que terá acceso desde o exterior.
Nesta primeira fase non se acondicionarán as estancias da planta alta, só se demolerán as escaleiras, os tabiques e os acabados existentes. Será na seguinte fase, que se ocupará do acondicionamento interior do ‘Museo dos Naufraxios’, na que se deseñará e se compartimentará a planta alta en conxunto coas dúas ás da Lonxa na planta baixa.