O pobo de Camelle volcouse co emocionante programa cultural arredor do Naufraxio do City of Agra

Foto de familia do pobo camellán involucrado co programa City of Agra. Foto: Moni López @desdelacoru

Espectacular a fin de semana a que viviu Camelle arredor do meirande evento cultural dedicado a un naufraxio en Galicia. A Asociación Naufraxios Galegos mobilizou 50 persoas durante mes e medio de preparación para trasladar a vila mariñeira 124 anos atrás, para lembrar o naufraxio do City of Agra, e todo o que fixo o pobo camellán para salvar a vida dos seus tripulantes.

Xa visitamos a inauguración da Feira Mariñeira do venres, pero a fin de semana foi completísima. As xentes que ateigaron a vila acabaron disfrutando dunha experiencia brutal, tanto polo programa como pola paixón que lle puxeron ese medio centenar de veciñ@s que fixeron de todo: costureiras, actrices, montador@s de escenarios, coidadores de fill@s… Un pobo volcado cun evento cultural.

A palillada teatralizada da noite do venres merece mención especial. O fermoso auditorio ao aire libre nunha noite espectacular, acolleu a obra feita pola brava Andrea Rodríguez Romar e dirixida por Rosario Devesa Martinez e cunhas actrices e actores fóra de serie: Adela Suarez Soto, Pilar Marcote , Alis, Ainhoa, Socorro Pose , Marga do Trenco, Lucas, Aleix, e a actuación estelar de Lolo.

O sábado abría pronto a carpa da Feira Mariñeira (funcionaron moi ben as visitas guiadas pola exposición de maquetas), e a actividade comezou co roteiro animado dos náufragos. 3 horas de roteiro con case 70 persoas a pesar da ameaza do tempo, con 5 espectaculares paradas teatralizadas, recreando un hindú sobrevivinte, ata o poeta Antón Zapata recitando o poema do náufrago, feito por un náufrago aparecido na costa de Laxe cando seu pai era carabineiro.

Pola noitiña despois do improvisado e sentido desmalle da sardiña, e do emocionante acto de arribada dos náufragos do City remolcados polas lanchas de Camelle, houbo unha foliada cos grupos e gaita e canto dos Concellos de Camariñas e Vimianzo: Ac Trubisquiña Vimianzo, A Todo en Banda, Vaiche Boa, Revoltixo, As do Cansorriño, Mar Devalado e Jolpe de Mar. Unha foliada na que moitas veciñ@s se animaron a bailar.


O acto de arribada dos náufragos do City remolcados polas lanchas de Camelle


Acto de despedida dos náufragos do City


O domingo continuaba a película global, e desta volta as citas teatralizadas tiñan que ver coa despedida dos náufragos da veciñanza de Camelle. Pero antes no Palco da Música de Camelle se simbolizou a entrega de medallas de prata da Reina Victoria a través do Viceconsulado Británico na Coruña, que veu á zona para entregar 3 medallas ás 3 embarcacións salvadoras do City.

Cómpre ademais felicitar á Burguer A Molinera que foi a gañadora do Certame de Tapas con especias do City, para pechar un evento con vocación de permanencia, unha vez que parece claro que o pobo está absolutamente volcado.

Novas relacionadas