Domingo. 28.04.2024
El tiempo

Camelle dá a benvida á maior conmemoración dos naufraxios galegos polos máis de 124 anos da catástrofe do City of Agra

Camariñas 3
Inauguración do programa
Camelle dá a benvida á maior conmemoración dos naufraxios galegos polos máis de 124 anos da catástrofe do City of Agra

Chea está Camelle e Camariñas, esta fin de semana, gracias ao maior programa conmemorativo dos naufraxios galegos, o que organizan a Asociación Naufraxios Galegos, en colaboración co Concello de Camariñas, a Asociación de Veciños de Camelle ‘A Pergoliña’ e a Confraría de Pescadores de Camelle polos máis de 124 anos da catástrofe do City of Agra. 

Unha fin de semana que arrincaba onte venres coa inauguración do evento coa apertura da carpa que acolle a Feira Mariñeira. Alí estiveron presentes a alcaldesa, Sandra Insua, a concelleira de Servizos Sociais, Begoña Tajes e o concelleiro de Obras, Sergio Caamaño. A cita serviu para coñecer a exposición fotográfica no Museo MAN ‘City of Agra. 124 anos na memoria’, e para abrir a degustación do ‘I Concurso de tapas coas especias do City of Agra’, ou a recreación dunha palillada na carpa da feira Mariñeira. 

Os locais de hostalaría participantes no evento gastronómico son: O Colmado d’Arou, A Molinera, O Estanco, o bar-restaurante Rotterdam, o café-bar Marítimo e a pastelaría Perla. 

Camariñas 1

Durante o sábado 16 de outubro celebrarase un roteiro animado dos náufragos do City of Agra, con punto de partida no miradoiro de Lobeiras, en Arou e con remate no Campo Santo de Camelle. Ás 13:00 horas comezará un xantar popular para posteriormente acoller unha representación do desmalle da sardiña, entre o porto e a carpa da Feira Mariñeira. Retornará a degustación das tapas do evento gastronómico e ás 20:00 horas terá lugar o toque da campá, onde un grupo de nenos e nenas percorrerán as rúas de Camelle anunciando o naufraxio do buque anglosaxón. Ás 21:30 horas desenvolverase o acto da arribada dos naufraxios, desde a explanada do Museo MAN e ás 22:00 horas pecharase a Feira Mariñeira. 

O domingo 17 de outubro repetirase a degustación do ‘I Concurso  das tapas con especias do City of Agra’ e ás 12:45 terá lugar o acto simbólico de recepción de autoridades aos náufragos salvados polos mariñeiros de Camelle e Arou, e posterior entrega de medallas aos seus patróns polo Cónsul británico. 
Ás 13:00 horas haberá un pasarrúas de despedida da veciñanza de Camelle aos náufragos, e ás 18:00 horas abrirase a furna para coñecer o establecemento gañador do I Concurso de tapas con especias do City of Agra, na carpa da Feira Mariñeira. Ás 20:00 horas do domingo clausurarase o programa. 

Para inscribirse nos roteiros guiados, é necesario enviar un correo ao enderezo [email protected]

Comentarios