Remolcan un veleiro que quedou sen timón tras un encontro con orcas

A Salvamar Altair remolcando un veleiro en augas de Camarilas
  • Aumenta a interacción coas candorcas na Costa da Morte.
  • O CEMMA sinala a sorte que temos de poder divisar estes belos animais nas nosas augas.

Estas semanas está habendo numerosas interacción con orcas (ou candorcas) nas augas da Costa da Morte. Se o ano pasado apenas eran 3 individuos os que se achegaban as embarcacións, este ano dende o CEMMA teñen rexistrado ata 14 individuos que están protagonizando encontros entre a zona de Lisboa, e mesmo ata a costa francesa.

O normal é que non pase nada, pero non lle aconteceu así a este veleiro que quedou sen timón polo encontronazo coas devanditas orcas, e tivo que ser remolcado pola Salvamar Altair preto de Camariñas.

Así, só dende comezo de agosto teñen rexistrado interaccións en Laxe, Camariñas, Muxía, Fisterra e mesmo en Carnota.

Mapa de interaccións coas orcas na Costa da Morte neste agosto de 2022

Os expertos aínda non saben o por que deste comportamento, pero recomendan non facer nada, parar o motor e deixar que se cansen, pero nunca incordialas, que o único que pode conseguir é cabrealas máis.

Dende o CEMMA invitan a analizar a situación dun xeito positivo: "Somos uns privilexiados por poder desfrutar das candorcas e das baleas, e a solución a estas interaccións con veleiros virá da investigación dos especialistas e non da criminalización ou de solucións salvaxes que de seguro algúns teñen en mente" .

Lembren, para comunicar calquera emerxencia na mar, ponte en contacto con #SalvamentoMarítimo no 900 202 202, ou no 112 ou polo Canal 16 VHF.

Novas relacionadas