Luns. 19.10.2020
El tiempo

As incomprendidas e inofensivas candorcas

Avistamento dunha candorca por un barco galego
Avistamento dunha candorca por un barco galego
As incomprendidas e inofensivas candorcas

Esta pasada noite de martes 22, arredor da media noite, o barco pesqueiro Novo Gaveira saía por sardiña ao cerco, cando avistaban dous exemplares de cetáceos grandes entre o Cabo de Laxe e Soesto. Primeiro viron un resplandor no mar (a panza) e logo xurdíronlle dous exemplares na proa. Foi un avistamento moi rápido, e do único que se decataron os mariñeiros é que a sardiña desapareceu. Non poden certificar que fosen candorcas (eran o doble dos arroases), pero segundo a Coordinadora polo Estudo dos Mamíferos Mariños, despois de contactar co patrón, “o máis probable é que fosen candorcas”.

Unha situación que se vén repetindo na comarca, e en todo o litoral galego (e portugués e a zona de Xibraltar) dende que o pasado 10 de agosto uns ornitólogos avistasen un grupo de candorcas polo Cabo Touriñán. Por exemplo, o pasado día 13, xurdiulle unha candorca a un surfista en Soesto, á caída da tarde. Se ben non lle fixo caso ningún, o surfista asustouse moito e saíu da auga.

Ante este comportamento non habitual, a Coordinadora polo Estudo dos Mamíferos Mariños CEMMA quere facer un traballo de concienciación, reincidindo na inofensividade destes cetáceos. A Coordinadora ten rexistrado 29 contactos en Galicia dende agosto, entre 2-6 millas de costa. A metade foron avistamentos, e a outra metade foron interaccións con veleiros. Se ben é certo que nunha pequena porcentaxe as candorcas provocaron consecuencias leves na navegación dos veleiros, o CEMMA explica que “en ningún caso a integridade das persoas estivo en perigo pola actividade directa das candorcas”.

Explicaron que “estas interaccións poden deberse a algúns exemplares xuvenís con comportamento curioso”, pero deixan claro que “as candorcas non son perigosas para os humanos, non se coñece en ningunha parte do mundo unha agresión dunha candorca salvaxe”. Alfredo López confirma que “as candorcas que están aquí comen atún e non lobos mariños, polo que non é posible que unha confunda un surfista, por exemplo, cunha foca”.

Candorcas avistadas en Fisterra polo CEMMA
Candorcas avistadas en Fisterra polo CEMMA en agosto

Aviso aos mariñeiros

Desde hai unhas semanas, Salvamento Marítimo emite avisos radiofónicos sobre o paso de candorcas en Galicia para evitar que os barcos fagan aproximacións que poidan desencadear a interacción dos cetáceos. Ademais fan recomendacións específicas durante as interaccións con cetáceos, como parar os motores e deixar o leme á vía, se é posible.

Novas relacionadas

comentarios