1,3 millóns provinciais para a estrada da Pedra do Sal

Xuntanza en Imende

Aproveitou o Concello a xuntana veciñal celebrada o pasado xoves no no centro social de Imende, para anunciar unha demanda permanente dos consellos parroquiais de Noicela-Rebordelos e Lema: o arranxo da estrada da Pedra do Sal.

O concelleiro carballés e vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, anunciou que a institución provincial vai destinar case 1,3 millóns de euros á mellora integral da estrada da Pedra do Sal, unha vía pertencente á rede provincial e clave para a mobilidade de veciñanza, visitantes e acceso ás zonas de praia.
A DP-1916, que ten unha lonxitude total de 2,68 km e forma parte da rede de titularidade da Deputación da Coruña, será sometida a unha actuación integral que inclúe: Arranxo e mellora do firme; ensanchamento da calzada; e xecución dunha senda peonil.

Estas actuacións responden a unha demanda histórica da veciñanza, que ve neste tramo un eixo fundamental para o desenvolvemento local e a seguridade viaria, sobre todo durante a tempada alta de visitantes que se dirixen ás praias da contorna. Ademais, son froito das xestións realizadas polo Concello de Carballo ante a Deputación, que se intensificaron nos últimos meses con varias xuntanzas coa deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez. O organismo provincial asumirá o custe íntegro da actuación, incluídas a consecución dos terreos e a redacción do proxecto, e está previsto iniciar a tramitación nos próximos meses.