Ana Pontón visita Carballo tralas inundacións

Ana Pontón desprazouse recentemente ata Fisterra A portavoz nacional do BNG, Ana Potón, desprázase mañá ás 12 horas a Carballo co fin de visitar as zonas do casco urbano máis afectadas polas inundacións do pasado mércores. Esta é a segunda vez que Pontón visita a Costa da Morte na súa condición de líder do BNG. Recentemente desprazouse ata Fisterra onde anunciou que levará á Cámara galega a construción dun novo centro de saúde e dun contradique de abrigo no Porto de Fisterra “que non sexa de xoguete”.
Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña, visitou hoxe Carballo Hoxe tamén se desprazou ata Carballo a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, que se detivo especialmente no Pazo da Cultura, onde a auga, que chegou até a terceira fila de asentos, provocou numerosos danos. Goretti Sanmartín acudiu ata o Pazo da Cultura acompañada polo alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira de Seguridade, Milagros Lantes; os concelleiros de Obras e Servizos, Luis Lamas, e Cultura, Marcos Trigo, e o de Promoción Económica e deputado responsable da área de Cooperación co Municipios, Xosé Regueira. O alcalde fixo unha primeira valoración das consecuencias da inundación, que no Pazo da Cultura afectou a diversos aparatos electrónicos de luz e son, segundo un primeiro balance á espera de que a retirada da auga permita estudar o estado da madeira, mobles e instalacións. Así mesmo, Evencio Ferrero explicou á vicepresidenta da Deputación a dimensión da zona afectada, en especial os comercios, domicilios e vías situados nas beiras dos ríos. Goretti Sanmartín tivo a ocasión de visitar a continuación os municipios de Coristanco e Ponteceso, onde as enchentes tamén deixaron unha importante pegada, e ofreceu o apoio do organismo provincial, tanto técnico como económico, para os concellos damnificados. No caso de Carballo, a situación vai volvendo á normalidade pouco a pouco, e por parte dos servizos técnicos municipais comeza agora a tarefa de avaliación de danos nos bens e infraestruturas de titularidade pública. Novas relacionadas Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com).
  • BNG.