Arrinca o GALIDOC levando o Casino1889 de Cabo Verde a Burela

Galidoc Casino Carballo 2026

 

Este sábado 21 de Febreiro, ás 19:00 horas, no Casino de Carballo, arrinca a edición de 2026 do ciclo de cine documental galego, GALIDOC, que se vén celebrando no epicentro cultural bergantiñán celebrando dende o 2019. 

O ciclo neste ano comeza co documental 'Si ka badu, ka ta biradu' dirixido por Sonia Díaz e Óscar Vázquez. O filme é unha historia de sororidade e resistencia que pon o foco na forza das mulleres caboverdianas emigradas a Burela, na Mariña lucense, que teceron unha verdadeira cadea de coidados para garantir a supervivencia das súas familias.

O traballo é resultado da colaboración entre a ONG AGARESO e unha equipa de investigación das tres universidades galegas formada por Antía Pérez Caramés, Luzia Oca González, Belén Fernández Suárez, Keina Espiñeira González e Iria Vázquez Silva, no marco do proxecto 'Familias caboverdianas en Galicia. Impacto para o desenvolvemento da transnacionalización dos coidados e das remesas'.

 Unha oportunidade única para coñecer unha realidade que forma parte da nosa contorna e da nosa historia.

 Haberá coloquio posterior con dúas das mulleres do equipo do filme: Belén Fernández e Antía Pérez Caramés.