Califican de insuficientes as melloras no transporte público costeiro

Despois de décadas, de queixas arredor do transporte público da comarca, acentuadas estas pasadas semanas polas rocambolescas problemáticas co bus entre Carballo e A Coruña, a Xunta anunciaba como gran medida para solventar os problemas "un bus máis grande" que comezará hoxe luns a cubrir os traxectos con maior demanda entre a capital de Bergantiños e a cidade herculina.

Unha solución que para o grupo UCIN Galicia – Unión de Ciudadanos Independientes, é "positiva pero con matices". "É un paso adiante, pero non chega. A Xunta está a responder moi lentamente ás necesidades da Costa da Morte. Estas pequenas melloras son benvidas, pero non podemos conformarnos con solucións parciais ou temporais."

"A Costa da Morte segue sen un transporte digno"

A pesar desta ampliación de prazas, o transporte público na Costa da Morte segue a estar lonxe das necesidades reais da cidadanía. Desde UCIN Galicia consideran que o actual modelo:

  • Non garante frecuencias suficientes nos tramos horarios de maior demanda (traballo, estudos, sanidade).
  • Mantén zonas incomunicadas, especialmente nas parroquias máis afastadas dos núcleos principais

UCIN Galicia leva tempo esixindo un plan integral de mobilidade para a Costa da Morte, que inclúa os seguintes puntos clave:

  • 1. Incremento da frecuencia horaria, especialmente en franxas laborais e de estudo.
  • 2. Creación de novas liñas ou ampliación das actuais para chegar a parroquias rurais e zonas sen servizo.
  • 3. Mellora da coordinación entre liñas, para permitir transbordos efectivos e evitar tempos de espera excesivos.
  • 4. Tarifas sociais e bonos para estudantes, persoas maiores e traballadores/as.
  • 5. Modernización da flota de autobuses, apostando por vehículos máis sostibles e accesibles.
  • Consulta real coa veciñanza e os concellos, para deseñar un modelo de transporte adaptado ao territorio.

Por todo isto, UCIN insta á Xunta de Galicia a "deixar de aplicar medidas puntuais e a sentarse a traballar, dunha vez por todas, nun modelo de transporte público moderno, eficaz e pensado para as persoas, non para os titulares de prensa. A Costa da Morte leva décadas esquecida, e non aceptaremos máis inacción. As nosas propostas están sobre a mesa, son asumibles e contan co apoio de moitos veciños e veciñas que se ven obrigados a usar o coche por falta de alternativas".

 

Máis novas sobre transporte