Esixen reforzos no transporte público dende Carballo á Coruña

Estacion de buses de Carballo
Estación de buses de Carballo
Esixen reforzos no transporte público dende Carballo á Coruña

Segue sendo o transporte público na Costa da Morte un dos grandes impedimentos para o desenvolvento económico da comarca. E mentres a Xunta non aposte por un servizo de calidade, mentres a Xunta non remate a Autovía, a comarca seguirá sufrindo o abandono secular. 

Unha das problemáticas que acontece na comarca dase en Carballo, a zona mellor comunicada de toda a Costa da Morte. Porén, moitos doss autobuses directos que enlazan Carballo e A Coruña, polo xeral, parten de localidades como Fisterra ou Muxía. O que supón que cando chegan a Carballo dispoñen xa de moi poucas (ou ningunha) prazas baleiras, obrigando ás persoas usuarias que parten de Carballo a agardar “polo bus seguinte”. Mais o seguinte bus non é directo e tarda o dobre de tempo en chegar ao destino. Cando o desprazamento é en sentido contrario, da Coruña en dirección a Carballo, as usuarias atópanse cunha “rocambolesca” situación: na Estación de Autobuses da cidade non se respecta a orde de chegada na cola de embarque, e son os propios condutores (por orde da empresa Arriva SL) os que priorizan ás persoas que viaxan até o final da ruta (Fisterra), excluíndo ás que se dirixen a destinos intermedios como é o caso de Carballo.

"Esta práctica da empresa concesionaria é claramente arbitraria, quebranta o principio de equidade e igualdade e non está amparada por ningunha normativa legal ou regulamentaria que sexa pública", denuncia o BNG. "Unha práctica habitual incompatible cun servizo público, que supón un tratamento desigual entre persoas usuarias, que afecta á fiabilidade e correcto funcionamento do servizo e atende a un interese espurio, puramente economicista, da empresa concesionaria".

Ante esta situación, o BNG carballés vén de presentar unha seguinte proposición non de lei para o debate na Comisión 2ª na que insta a Xunta para que "esixa da empresa concesionaria o reforzo inmediato da liña directa Carballo- A Coruña, establecendo saídas que partan de Carballo, nomeadamente nas franxas horarias de maior demanda". Pide tamén que "a empresa concesionaria que estableza un sistema operativo que garanta o respecto da orde de chegada nos embarques nas estacións de Carballo e A Coruña". E reclama "á empresa que comunique por escrito, de existir, cal é o protocolo actual de prioridade de acceso”.

Comentarios