venres. 04.07.2025
El tiempo

O BNG pide máis rutas de autobuses e máis rápidas que conecten Santiago de Compostela con Fisterra e Muxía

O BNG pide máis rutas de autobuses e máis rápidas que conecten Santiago de Compostela con Fisterra e Muxía

O BNG, a través do seu deputado pola Costa da Morte, Oscar Insua, vén de rexistrar varias iniciativas no Parlamento galego nas que solicita á Xunta de Galiza que incorpore na rede de transporte público de autobuses dúas rutas diarias e directas que conecten Fisterra e Muxía con Santiago de Compostela, cunha duración do traxecto non superior á hora e media. Así mesmo, pide actualizar as rutas e horarios na web “bus.gal” dos traxectos entre as localidades da Costa da Morte.

A formación nacionalista sinalou que non hai moito que a Xunta de Galiza reformou as rutas e horarios do transporte público de autobuses, co fin de optimizar e melloralos, mais non foi o caso da Costa da Morte, que quedou relegada a ter un peor servizo. “Cos novos cambios quedamos en peor situación que hai vinte anos na conexión da comarca con Santiago de Compostela, e máis en concreto, dende Fisterra, Cee ou Muxía á capital galega”, subliñou o BNG.

Os nacionalistas indicaron que para ir de Fisterra a Santiago, previo paso por Cee, hai que ir por Carnota, Muros e Noia, chegando a durar a viaxe ata 3 horas. No caso da ruta que vai dende Cee por Dumbría, Pino do Val, A Pereira e Negreira, 2 horas e 18 minutos, máis só se pode coller ás 17.45 de luns a sábado. E na conexión entre Muxía e Santiago, o tempo estimado da viaxe vai dende 1 hora 45 minutos da ruta máis directa (Muxía, Berdoias, Baíñas, A Pereira, Negreira, Brión, Bertamiráns e Santiago), ata as 3 horas que dura o traxecto que parte de Muxía, pasa por Fisterra e se dirixe de volta a Compostela por Pino do Val e Negreira.

bus.gal

O BNG tamén criticou “o auténtico despropósito informativo do departamento de mobilidade do goberno galego”, dado que a páxina web “bus.gal” non ten actualizadas as rutas e horarios, nin ofrece información veraz. “É unha vergoña que en cada parada a Xunta non teña os horarios oficiais dos autobuses que paran na mesma. Moitas marquesiñas novas pero nula información. Nin os veciños nin os visitantes saben os horarios porque a web é un desastre, e ademais hai xente maior que non manexa estas aplicacións”.

O parlamentario Oscar Insua manifestou que “hai 30 anos para ir a Compostela tiñas que ir a Baio, para logo pasar por Santa Comba, e a viaxe en bus duraba 2 horas e 45 minutos. Hoxe lévanche por Noia e dura ata 3 horas. Co PP na Xunta imos a peor, ou non entenden cal é o camiño máis curto, ou fano a propósito. A veciñanza da Costa da Morte quere polo menos dúas rutas directas diarias que non sobrepasen a hora e media de viaxe, e sería de xustiza que comezasen a funcionar este verán e telas xa activas para o curso universitario en setembro”.

Comentarios