Carballo abriu a celebración das Letras Galegas co Concerto único do CCG
Se hoxe tócalle á Real Academia Galega facelo en Malpica, onte celebrou o Consello da Cultura Galega o seu acto central polas Letras Galegas. O Pazo da Cultura de Carballo encheuse para gozar dun evento espcial, xa que VX edición do Concerto das Letras Galegas contou cunha banda creada unicamente para este evento.
Once músicos, agrupados no colectivo Do Bertau, formación coordinada por Richi Casás e creada especificamente para a ocasión, ofreceron una mostra dos milleiros de textos e músicas nunha viaxe sonora pola tradición popular oral do país cunha envoltura sonora de jazz, creadas durante séculos e que perduraron na memoria do pobo.
“Celebrar a figura das cantareiras lémbranos a importancia de fortalecer os vencellos comunitarios, deixar a un lado o individual e procurar o que nos une”, indicou a vicepresidenta do CCG, Dolores Vilavedra.
A Costa da Morte tivo un protagonismo especial no programa do concerto, realizado en Carballo en recoñecemento á riqueza deste patrimonio inmaterial no municipio e comarca bergantiñáns. Comezou cunha escolma do repertorio das Pandereteiras de Mens, do concello de Malpica, nunha suite de ritmos típica desta área xeográfica en forma de comparsa, xota, muiñeira e pasodobre. Soaron nas voces de Carme da Pontragha, Maca do Pinheiro e Uxía da Pontragha, compoñentes do grupo Bouba Pandeireteiras, da Pontraga, na comarca de Ordes, que conservan intacto o “xeito” ancestral das transmisoras. Despois rendeuse homenaxe a Maruxa das Cortellas, unha das máis sobranceiras informantes en Galicia do toque de pandeiro, cunha das súas xotas.
O canto de Nadal de Rosa e Adolfina Casás na Vila da Igrexa, familiares de Richi Casás, coordinador desta edición do concerto, puxo en escena un dos poucos cantos deste tipo que se conservan en galego. Nas notas ao programa, Richi Casás explicou que “foi a propia Dorothé Schubarth quen llelo gravou en 1980 e recoñeceu a antigüidade desta melodía, presente nun himno gregoriano, nunha das Cantigas de Santa María de Afonso X”.
O programa continuou coa homenaxe ás Mulleres de Gharghamala, un grupo de cantadoras e tocadoras de Mondariz que seguen mantendo viva a chama da tradición.
A recta final do concerto levounos ás terras de Lugo, en Cervantes, cando as tres integrantes das Bouba Pandeireteiras cantaron a capela a “Xota e Moliñeira de Cervantes”. O programa pechou con dúas pezas de Santa Mariña, unha xota e unha muiñeira, que foron recollidas por Dorothé Schubarth, musicóloga suíza que percorreu Galicia enteira recollendo o noso patrimonio oral popular, ás mulleres de Camariñas.
Aquí deixamos xa o concerto, que tamén se poderá ver este sábado na segunda canle da TVG (23:00 horas).
De Bertau
Esta edición amosou un concerto único porque todos os arranxos das pezas foron elaborados ex profeso para este programa, coa excepción do “Canto de Nadal da Vila da Igrexa”, publicado por Richi Casás no libro-CD Fuliada na Vila. A formación tamén foi unha estrea, xa que se creou exclusivamente para este concerto, composta polas cantareiras e pandeireteiras que conforman o grupo Bouba (Carme da Pontragha, Maca do Pinheiro e Uxía da Pontragha), xunto con Tanea, a contrabaixista Yudit Almeida, o batería Álvaro Trillo, o pianista Fran Trashorras, o trompetista Javier Pereiro, o saxo tenor e soprano Marcos Cives, o trombón José Luis Miranda e o saxo alto Richi Casás, quen tamén é o coordinador desta iniciativa.
O nome, Do Bertau, está inspirado na novela Os cantos do mar, escrita por Dorothé Schubarth e na que conta a vida dunha comunidade mariñeira que transcorre a través do canto e a poesía nunha vila chamada Bertau.