luns. 17.03.2025
El tiempo

Malpica e Muxía acollerán os actos centrais da celebración da RAG polo Días da Letras Galegas

A académica Ana Boullón participou xunto ao presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e Damián Varela
A académica Ana Boullón participou xunto ao presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e Fina Casalderrey na presentación do programa das Letras Galegas 2025
Malpica e Muxía acollerán os actos centrais da celebración da RAG polo Días da Letras Galegas

Presentou este luns a Real Academia Galega a súa diversa programación para o día das Letras Galegas, nun ano adicado á poesía popular oral e ás mulleres que contribuíron á súa creación e transmisión.

E como a Costa da Morte foi, e segue a ser fundamental nese camiño, Malpica, berce das pandeireteiras de Mens acollerá un dos actos principais do programa, como é o pleno extraordinario e público do 17 de maio. Muxía tamén terá o seu protagonismo nun programa que arrincará o 10 de marzo, en Cerceda, coa presentación do proxecto infantil Primavera das Letras (a obra e o material didáctico poderase descargar en primaveradasletras.gal), en presenza de Richi Casás neto de Rosa e Adolfina Casás, e as creadoras da iniciativa, a escritora Paula Carballeira e a ilustradora Nuria Díaz.

Porque ademais de Adolfina e Rosa, a RAG quere poñer nome concreto ás protagonistas, como son Eva Castiñeira, de Muxía; e Manuela Lema, Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda e mais Teresa García Prieto, as catro integrantes das Pandeireteiras de Mens.

RAG Primaveira das Letas pandereteiras e cantareiras

Pleno e Simposio en Malpica

Será pois Malpica o lugar onde a RAG celebre o pleno extraordinario e aberto do 17 de maio, a Real Academia Galega. Antón Santamarina e Xesús Alonso Montero pronunciarán as alocucións académicas dun acto aberto ao público e que poderá seguirse en directo dende a páxina web da RAG.

As súas contribucións recolleranse posteriormente no Boletín da Academia xunto aos relatorios que se presenten no simposio das Letras que, como é xa costume, se celebrará no último trimestre do ano e reunirá voces especialistas en distintos aspectos relacionados coa poesía popular oral e as cantareiras

Presentación do documental en Muxía

Unhas semanas despois presentará na Rede a serie documental “Se canto é porque quero”, cunha colaboración destacada de rapazada de Muxía, que acollerá tamén cara a finais de ano actividades académicas sobre a conmemoración.
A serie documental está composta de tres episodios: o primeiro arredor de Rosa e Adolfina Casás, outro dedicado ás Pandeireteiras de Mens e o último a Eva Castiñeira. “Aínda que cada capítulo leva un nome e un apelido, non esquecemos que esta é unha homenaxe coral. O noso obxectivo é abordar cuestións máis xerais vinculadas ás cantareiras e á nosa tradición oral”, explicaron os membros da RAG.

O propio título da serie bebe do “Cancioneiro popular galego “recollido pola etnomusicóloga suíza Dorothé Schubarth e Antón Santamarina.
O segundo capítulo, dedicado ás Pandeireteiras de Mens, recollerá os testemuños de Isabel García Quintela e Manel Fernández Pensado, da Agrupación Folclórica Aturuxo, á que pertenceron as malpicás; e voces de integrantes da Asociación Cultural Raigañas de Cerqueda e mais Carme e Uxía da Pontragha, quen exporán como enfocan as súas aulas de canto e pandeireta en ambientes urbanos e reflexionarán sobre como o cancioneiro popular é transmisor da lingua galega na actualidade. O episodio incluirá ademais unha clase práctica da cantadora e tocadora Jara Ortiz, que explicará a estrutura dunha cantiga.

Xentes de Aturuxo na RAG
Captura da familia de Aturuxo no documental da RAG

 

O derradeiro episodio, con Eva Castiñeira como protagonista, recollerá un encontro no CEIP dos Muíños de Muxía no que Mondra e Caamaño&Ameixeiras manterán un encontro co alumnado. Ambas as partes conversarán sobre como construír novas coplas e músicas a partir de recollas tradicionais. Felisa Segade, compoñente de Leilía, e as rapazas de Regueifa Tour, un proxecto impulsado por regueifeiras adolescentes, colaboran tamén neste capítulo.

Máis novas

 

Comentarios