Carballo avanza na creación dun gran corredor verde na contorna de Rego da Balsa
Obras importantes proxecta o Concello de Carballo en varias zonas da vila. A nova área deportiva da Lagoa, o novo edificio das entidades sociais, ou a zona verde da contorna do Rego da Balsa son proxectos urbanísticos estratéxicos que ten en marcha, na liña de apostar por modelo urbano máis sustentable, con máis natureza integrada na vila e mellores conexións peonís e ciclistas para a veciñanza.
Esta última vén de dar un paso adiante, trala aprobación inicial da Xunta de Goberno Local sobre o proxecto de expropiación dos terreos do ámbito SX-EL6, primeiro paso administrativo para dispoñer do solo necesario para desenvolver unha das actuacións incluídas no Plan EDIL.
A intervención permitirá completar o gran corredor verde previsto polo PXOM na contorna do Rego da Balsa mediante a incorporación de 17.774 metros cadrados destinados a espazos libres e zonas verdes. Estes terreos sumaranse ao ámbito SX-EL5, que xa é maioritariamente de titularidade municipal, co obxectivo de configurar unha área ambiental continua.
A obtención das parcelas realizarase polo procedemento de taxación conxunta, segundo o proxecto redactado por Estudio Técnico Gallego, S.A. O investimento previsto para esta fase ascende a 97.147,76 euros.
A dispoñibilidade destes terreos é fundamental para executar o proxecto de renaturalización da zona urbana e creación de eixes verdes arredor do Rego da Balsa. A proposta inclúe a creación dunha nova zona verde, a transformación do espazo de aparcamento do Centro Comercial Bergantiños, a conexión co corredor fluvial mediante novos itinerarios peonís e ciclistas e a reurbanización das rúas Ánxel Fole e Enrique Sánchez para achegar as zonas verdes ao centro urbano.
Tras a publicación oficial da aprobación inicial, o expediente someterase a información pública durante un mes para que persoas interesadas poidan presentar alegacións relativas á titularidade ou á valoración dos bens. O Concello notificará individualmente ás persoas propietarias afectadas, se ben asegura que os prazos son axustados e obrigatorios.