martes. 21.10.2025
El tiempo

Novo paso administrativo para a nova área deportiva da Lagoa

PEID A LAGOA Carballo
PEID A LAGOA Carballo
Novo paso administrativo para a nova área deportiva da Lagoa

Sete meses despois da aprobación inicial e unha vez analizadas e resoltas as alegacións presentadas (durante o período de información pública presentáronse seis escritos de alegacións, e dúas foron aceptadas parcialmente) a Xunta de Goberno Local aprobou de xeito provisional, na sesión ordinaria celebrada este 20 de outubro, o Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións (PEID) para a implantación dunha área deportiva na Lagoa. 

Un intervención urbanística que serve para aumentar as instalacións deportivas na cidade (unha auténtica necesidade) e ademais aproveitar un entorno natural que se poida empregar para a práctica da actividade física por parte de calquera persoa.

Para cumprir eses obxectivos, no PEID establécese o seguinte reparto:

  • EQ-1/EQ-2. Nestas zonas, que suman 25.356,35 m² (o 30,99% do total do ámbito), é onde se emprazarán as instalacións deportivas. 
  • ZV/EL-1. Esta área, que quedará en estado natural, ten unha superficie de 37.751,45 m² (46,14% do ámbito total do plan) e destinarase á actividade deportiva programada con sendas peonís e pequenas explanadas para a práctica de deporte afeccionado. 
  • PZ/EL-2. Trátase dun espazo libre de carácter urbano proxectado como praza pública e que conta cunha superficie total de 7.735,65 m² (un 9,45% do total). 
  • AP-1/AP-2/AP-3. Estas zonas están destinadas a estacionamentos públicos, suman un total de 7.962,80 m² (9,73% do total) e contan cunha capacidade para 334 vehículos. Teñen unha dobre finalidade: ser utilizadas polas persoas usuarias das novas instalacións e tamén como aparcadoiros disuasorios ou de proximidade pola súa situación inmediata ao centro administrativo e comercial de Carballo. 
  • VIARIO. O resto da superficie do ámbito, 3.016,75 m² (3,69%), está destinada a regularizar as vías existentes, completar a rúa Vila de Negreira cunha senda peonil e carril bici, dar continuidade á rúa Álvarez de Sotomayor e conectar coas rúas Lagoa e Bosque.

 

Outros acordos

Na Xunta de Goberno deste luns 20 de outubro tamén foron aprobadas 11 licenzas urbanísticas, entre elas a de construción dun edificio de 8 vivendas na rúa Tarragona.

Comentarios