Carballo consolídase como espazo de referencia na formación para a inclusión educativa do alumnado con TEA

O Fórum de Carballo acolleu este sábado a segunda edición da Xornada Formativa "A inclusión socioeducativa", organizada pola asociación Un Paso Máis, que reuniu a máis de 100 participantes procedentes das catro provincias galegas. Cun aforo completamente esgotado, a cita convertiuse nun espazo clave para a formación do profesorado e o acompañamento das familias que conviven co Trastorno do Espectro Autista (TEA).

A xornada foi inaugurada polo alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañado do doutor en Equidade e Innovación Educativa, Marcos Pinaque Varela, e da presidenta de Un Paso Máis, Banesa Martínez. Esta última aproveitou para agradecer o labor do voluntariado da entidade, pedindo un emotivo aplauso en recoñecemento ao seu compromiso constante.

Na conferencia inaugural, Marcos Pinaque apelou á necesidade de superar etiquetas e prexuízos, reivindicando unha visión máis rica e diversa do ser humano.
O seu relatorio deu paso a unha mesa redonda na que se abordaron temas cruciais para a inclusión real das persoas con TEA, como a comprensión das condutas, a comunicación sen linguaxe oral ou o acompañamento ás familias.
Participaron nesta sesión Silvina Lema Fernández, presidenta da Asociación Española de Disciplina Positiva; Isabel García García, doutora especialista en TEA; Gil Barrero, enxeñeiro en tecnoloxía adaptada; Valentín Costa Trillo, membro da directiva de Un Paso Máis; e Juan Díaz Puente, quen emocionou ao público cunha intervención cargada de humor, honestidade e experiencia persoal, que foi a máis aplaudida da mañá.

Durante o descanso activo, as persoas asistentes puideron coñecer o labor de diversas entidades sociais e educativas (ENKI, Íntegro, Aspaber, Paseniño, Apem, Fegerec, e a propia Un Paso Máis), establecer contactos e intercambiar recursos e experiencias, sementando así novas posibilidades de colaboración entre profesionais e colectivos de distintos puntos de Galicia.

Xa pola tarde, a xornada ofreceu unha programación práctica especialmente valorada tanto por docentes como por familias. Silvina Lema dirixiu un obradoiro de disciplina positiva centrado no benestar emocional e na comprensión do comportamento dende as fortalezas. Pola súa parte, Marcos Pinaque afondou co profesorado na construción de contornas educativas máis accesibles e sensibles á diversidade. Isabel García liderou un espazo de apoio para familias, que continúa a ser un dos máis valorados, ao permitir recoñecer necesidades compartidas e desenvolver estratexias de autocoidado.

A tecnoloxía tamén tivo o seu lugar grazas á intervención de Gil Barrero, quen impartiu un obradoiro sobre sistemas aumentativos e alternativos de comunicación para facilitar a interacción con persoas sen linguaxe oral. Ana Cecilia Colmenárez Raga, doutora en Neurociencias, completou a oferta cun taller sobre aprendizaxe da lectoescritura en alumnado con TEA, baseado en metodoloxías multisensoriais e personalizadas.

A clausura institucional contou coa participación do vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira Varela; a concelleira de Servizos Sociais de Carballo, María Carmen Ures García; e a secretaria de Un Paso Máis, Eva Arán Fernández. Regueira destacou a capacidade de traballo e o enfoque práctico da entidade organizadora, subliñando a facilidade de colaboración institucional co colectivo. 



Como colofón, Valentín Costa Trillo, coordinador das xornadas, anunciou que, debido á excelente acollida e ao valor que este tipo de formación ten para profesionais e familias, haberá unha terceira edición o vindeiro ano, reafirmando así o compromiso de Un Paso Máis coa inclusión real e consciente.

A xornada estivo homologada pola Concellería de Educación con oito horas formativas e contou cun servizo de canguraxe para facilitar a participación das familias.

Carballo volveu demostrar que a inclusión non é só un obxectivo, senón un camiño que se percorre con formación, alianzas e humanidade.

Máis novas