O tecido empresarial súmase a apoiar o proxecto inclusivo de Un Paso Máis

10:19 21/02/25
Moi ben o están a facer as integrantes da Asociación Un Paso Máis, que mesmo están conseguindo a implicación do tecido empresarial no seu proxecto de inclusión, a través da responsabilidade social corporativa das compañías.
Esta mesma semana, Un Paso Máis volveu recibir o apoio de Caixabank, tal como aconteceu no curso pasado. Ademais, anuncian que dúas destacadas empresas locais, Hormigones Bergantiños S.A. (HORBESA) e Metalúrgica BB, decidiron sumarse a esta labor, converténdose en novos aliados da entidade Un Paso Máis.
"O seu apoio e colaboración reforzan a nosa capacidade para seguir impulsando iniciativas que marquen unha diferenza real na nosa comunidade", agradecen os membros da directiva da entidade, sinalando estes apoios como "fundamentais para o noso día a día e contribúen de maneira decisiva á construción dunha sociedade máis adaptada, inclusiva e xusta".